A Universidade da Coruña implícase no fomento de vocacións científicas do alumnado de bacharelato con máis de 50 proxectos STEM

A Universidade da Coruña, consciente da diminución de vocacións do alumnado de bacharelato polas áreas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) traballa desde setembro do pasado ano nun programa de actividades de promoción destas áreas en centros educativos galegos, nos que participan quince institutos.

O principio metodolóxico deste bacharelato é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Neste sentido, a UDC oferta máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente a Universidade da Coruña.

Así, os alumnos galegos matriculados neste bacharelato poderán desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, investigando o exemplo do Titanic; a mellora da mobilidade viaria da cidade, a realización dunha tarefa real cun robot autónomo que requira intelixencia artificial, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outros. Ademais, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos.

Así mesmo, a UDC apoia tamén esta nova opción formativa ofrecendo visitas as súas facultades e centros de investigación, xornadas, talleres, así como seminarios, relacionados coas materias STEM. Deste xeito, neste curso recibiuse a visita dos centros IES Agra do Orzán, IES María Casares, IES Ramón Mª Aller Uloa, IES Francisco Daviña Rey e IES Arcebispo Xelmírez II.

Para facilitar esta coordinación cos quince centros galegos que imparten o STEMbach, no pasado mes de marzo a Universidade da Coruña lanzou unha páxina web (www.udc.gal/stembach) dedicada a este novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Nela, ademais de información de interese, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación e as actividades complementarias de formación ofertados. Unha iniciativa, polo tanto, aliñada coa finalidade deste novo bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, que busca a conexión directa co ensino universitario.

Con todas estas accións, a Universidade da Coruña está a mostrar o seu firme apoio a esta nova opción formativa que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á universidade.

A Universidade da Coruña lanza a súa páxina web STEMbach para a coordinación de máis de 50 proxectos de investigación

A Universidade da Coruña vén de publicar unha páxina web dedicada ao novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, creado ao amparo da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que se oferta por primeira vez neste curso nun total de quince centros educativos galegos.

Nela, ademais de información de interese acerca deste novo bacharelato, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación que son ofertados desde a Universidade da Coruña. Un total de máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente á Universidade da Coruña.

Así, os alumnos galegos matriculados neste bacharelato poderán desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, investigando o exemplo do Titanic; a mellora da mobilidade viaria da cidade, a realización dunha tarefa real cun robot autónomo que requira intelixencia artificial, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outros. Así mesmo, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos.

O obxectivo desta páxina web é tamén facilitar a coordinación entre a Universidade e os quince centros galegos que imparten o STEMbach para organizar de maneira conxunta visitas, xornadas, talleres, seminarios ou calquera outra actividade complementaria de formación. Unha iniciativa, polo tanto, aliñada coa finalidade deste novo bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, que busca a conexión directa co ensino universitario.

Deste xeito, a Universidade da Coruña mostra de novo o seu firme apoio a esta nova opción formativa que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á universidade.

O IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín visita a Facultade de Ciencias

O 11 de marzo os alumnos do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín visitaron a Facultade de Ciencias onde puideron coñecer de primeira man algúns dos proxectos que desde esta facultade son ofertados.

Por unha parte, a profesora Mª Angeles Bernal explicoulles o proxecto "Obtención de plantas in vitro a partir de sementes de pementos de Padrón". Os alumnos observaron prantas crecidas in vitro de 15 días de idade, así como as diferentes aplicacións dos cultivos celulares: callos, suspensions celulares e prantas ornamentais in vitro.

Así mesmo, visitaron o laboratorio de de Bioquímica onde a profesora Mª Angeles Freire presentoulles o proxecto "¿Podemos estudar a expresión xénica mediante un lévedo que leva xenes de medusa?". O título do proxecto foi a pregunta inicial para abrir a curiosidade dos alumnos. A resposta é un sí, claro!  Grazas o xen da proteína fluorescente verde (GFP) obtido dunha medusa. O lévedo escollido foi Saccharomyces cerevisiae (o lévedo do pan e da cervexa). A razón, é un organismo modelo en investigación, nela acontecen procesos comunes a tódalas células con núcleo, incluíndo os seres humanos. Tras amosarlles o material de partida, lévedos crecidos en placa, os alumnos observaron no microscopio de fluorescencia as células que expresaban o xen GFP. Tamén explicaronselles aplicacións con diferentes fines en outras especies.

O IES Agra do Orzán visita a Facultade de Informática

O pasado xoves 7 de febreiro os alumnos de STEMbach do IES Agra do Orzán fixeron unha visita polos diferentes departamentos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, onde foron recibidos polo Decano, Luís Hervella.

Durante a súa visita puideron coñecer algúns dos laboratorios e os seus grupos de investigación como GTE, Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (Lidia), M2 mica, Lia2, R Nasa Imedir, Varpa ou LyS, entre outros. 

O Campus Industrial recibe aos alumnos do STEMbach

Os alumnos do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía do IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) e do IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos, Lugo) visitaron o 21 de xaneiro o Campus Industrial de Ferrol.

Durante a súa visita puideron coñecer de primeira man diversos laboratorios da Escola Universitaria Politécnica (EUP) de Serantes e a Escola Politécnica Superior de Esteiro (EPS), como o laboratorio Láser, o laboratorio de Ensaios Hidrodinámicos, o laboratorio de Robótica, o laboratorio de Inxeñería Mecánica (LIM), o laboratorio de Electrónica Industrial e Automática, o laboratorio de Enxeñería Económica ou p laboratorio de Enxeñería Eólica, entre outros, así como a Facultade de Enfermería e Podoloxía.

Visita IES María Casares

O 16 de xaneiro visitaron o Centro de Investigación TIC CITIC e a Facultade de Informática os alumnos do Bacharelato de excelencia de Ciencia e Tecnoloxía, STEMbach, do IES Maria Casares. Na súa visita puideron coñecer de preto grandes proxectos de xóvenes investigadores da Universidade da Coruña.

Reunión informativa STEMbach

A vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e a directora do Campus Innova, Susana Ladra, celebraron este mércores, 10 de xaneiro, na Facultade de Filoloxía unha reunión informativa sobre a implantación e desenvolvemento do novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach.

Durante a reunión, que tivo un gran éxito de convocatoria, explicouse que esta nova opción formativa, enmarcada na Estratexia Galega de Educación Dixital "Edudixital 2020" ten como obxectivo promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á universidade.

Neste senso, animouse ao personal docente da Universidade da Coruña a presentar proxectos de investigación nos seus diferentes centros e facultades que permitan aos alumnos do STEMbach experimentar cos diferentes métodos de investigación ou de análise favorecendo o seu pensamento crítico e creativo, así como o seu interese pola investigación, a tecnoloxía e a innovación.

O IES Agra de Orzán visita a Facultade de Ciencias, o CICA e o CITEEC

O pasado 19 de decembro os alumnos do blacherelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach) do IES Agra de Orzán de A Coruña visitaron a Facultade de Ciencias, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña.

Así mesmo, o e 21 de decembro, o centro educativo coruñés achegouse ata o Campus de Elviña para coñecer o CITTEC. Durante a súa visita, os alumnos puideron descubrir os dous túneles de vento, o Laboratorio de  Hidraúlica con ensaios sobre estruturas reais a escala, o Laboratorio de Portos e Costas con ensaios para estudar o comportamento de estruturas a escala sometidas a esforzos e labotorio de Construción con máquinas de estudo do comportamento de materiais fronte esforzos de compresión.

O Campus Innova impulsa o novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMbach

O Campus Innova recibiu a visita, o xoves 25 de outubro, dun grupo de escolares do IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos (Lugo), que están a cursar o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, creado ao amparo da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que se oferta por primeira vez neste curso nun total de catorce centros educativos galegos.

Deste xeito, o campus de especialización da Universidade da Coruña mostra o seu apoio a esta nova opción formativa que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á universidade. Neste senso, os escolares do IES Francisco Daviña Rey, un instituto referente en innovación educativa, tiveron a oportunidade de visitar os centros de investigación CITIC, CICA e CITEEC, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e a Facultade de Informática, así como coñecer a investigación realizada por algúns grupos da Facultade de Filoloxía no ámbito das humanidades dixitais.

A actividade está aliñada coa finalidade deste novo bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, que busca a conexión directa co ensino universitario. O alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo, con posterior defensa pública, co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Desde o Campus Innova darase tamén soporte á realización destes proxectos de investigación en liña coa súa misión de posicionarse como polo de excelencia na innovación dixital, tecnolóxica e humanística.