Regulamento do Servizo de Publicacións

 

Os vixentes Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio, da Xunta de Galicia (DOG do 26 de maio) non recollen nin definen ningún servizo concreto, polo que o actual Servizo de Publicacións non ten delimitadas especiais características ou obrigas. Porén, no artigo 106 afírmase que “a creación e supresión dos servizos universitarios, así coma a aprobación dos seus regulamentos de organización e funcionamento, correspóndelle ao consello de goberno, por proposta do reitor”. No mesmo artigo, no terceiro parágrafo, recóllese que “os regulamentos de cada servizo deberán establecer canles para a participación dos usuarios”. Finalmente, no cuarto parágrafo, indícase que “en cada servizo universitario poderá haber un director responsable da súa xestión e funcionamento, que reunirá as características de profesionalidade e experiencia necesarias, e será nomeado polo reitor”.

O Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña, aprobado na sesión de Consello de Goberno de 22 de xullo de 2004, desenvolve o compromiso institucional de contribuír na tarefa da normalización da lingua galega, recollida asemade en diferentes disposicións e normativas, como os citados Estatutos, o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei de normalización lingüística, onde se indica que o galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa administración, da administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

Temos así un marco mínimo regulamentario para a normativa que se presenta. O Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, como é o caso doutras universidades, pode contemplarse desde unha dupla perspectiva. Por unha parte, é un servizo máis da universidade, suxeito á regulamentación xeral en canto a orzamento, administración e réxime de persoal. Por outro lado, o Servizo de Publicacións é unha editorial, editorial institucional e de carácter público, mais editorial que confecciona e distribúe un produto comercial, aínda que este teña un valor de uso académico e unha finalidade non lucrativa, vinculada á docencia, á investigación e á extensión universitaria. Situados neste caso, unha editorial universitaria procurará sempre o equilibrio entre a máxima calidade posible –científica, técnica o artística e a viabilidade comercial.

Este regulamento atende todos estes aspectos e inspírase na experiencia acumulada desde 1993, ano da fundación do Servizo de Publicacións nesta universidade, e igualmente nos regulamentos semellantes aprobados por outras universidades. Deberán estudarse e aproveitarse asemade as posibilidades das novas tecnoloxías, especialmente as ligadas a internet, que facilitan o acceso masivo e sen custos engadidos á información, sen perdermos en ningún caso os requisitos de calidade.

CAPÍTULO I. DEFINICIÓN E OBXECTIVOS

Artigo 1
O Servizo de Publicacións (en adiante SPU) é o órgano encargado da edición, da comercialización e do intercambio de publicacións da Universidade da Coruña en calquera dos formatos, impreso, audiovisual, dixital ou en liña. Para os efectos legais e comerciais é a editorial da Universidade.

Artigo 2
O SPU ten como fin principal o apoio aos labores docentes, investigadores e culturais da Universidade da Coruña mediante unha política editorial de difusión do coñecemento, especialmente do xerado na propia institución.

Artigo 3
Para garantir a calidade, o SPU procurará estratexias destinadas a optimizar a xestión ordinaria, a completar e actualizar as infraestruturas existentes, a mellorar a calidade dos produtos editoriais e a súa promoción, a facer efectiva a formación permanente do personal adscrito e a establecer mecanismos de avaliación periódica. Sempre que for posible, as publicacións pasarán por procedementos de control e avaliación externos.

Artigo 4
O compromiso institucional da Universidade da Coruña para a promoción e a normalización da lingua galega haberá de reflectirse tamén no campo editorial. O galego será a lingua utilizada tanto en publicacións de carácter institucional como divulgativo que se destinen ao ámbito lingüístico galego. En calquera caso, o SPU poñerá os medios para que o seu emprego sexa preferente.

CAPÍTULO II. ESTRUTURA E ÓRGANOS

Artigo 5
O SPU está organizado en tres áreas: o/a director/a, a comisión de publicacións e o persoal de administración e servizos.

Artigo 6
1. O/a director/a será nomeado/a polo reitor.
2. Son funcións do/a director/a:

  • Coordinar e dirixir as actividades editoriais.
  • Convocar a Comisión de Publicacións por orde da presidencia e, no caso de ausencia desta, presidir as súas reunións.
  • Propoñer á Comisión os criterios editoriais.
  • Contratar e ordenar as impresións, segundo as directrices e os acordos da Comisión.
  • Solicitar informes externos á Universidade da Coruña para a avaliación científica dos orixinais, por pedimento da Comisión de Publicacións.
  • Levar a cabo as edicións de carácter institucional.
  • Xestionar a política de intercambios, comercialización e distribución do fondo editorial.
  • Elaborar as previsións orzamentarias e responsabilizarse da súa execución.
  • Responsabilizarse do control de calidade do servizo e coordinar os procesos de avaliación interna.
  • Elaborar a memoria anual.

Artigo 7
1. A Comisión de Publicacións estará composta polos seguintes membros:

  • O/a vicerreitor/a responsable do servizo, que asumirá a súa presidencia.
  • O/a director/a do servizo.
  • Cinco doutores/as con contrastada cualificación investigadora en representación de cada un dos cinco ámbitos científicos: Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Ensino Técnico, Ciencias Sociais e Xurídicas.
  • Dous representantes dos consellos editoriais das revistas e series que edite a Universidade.
  • Un representante do persoal técnico ou administrativo do Servizo, quen asumirá a secretaría da Comisión.
  • Un representante do estudantado de 3º Ciclo.

2. Os membros por representación da Comisión de Publicacións elixiraos o Consello de Goberno, renovaranse cada tres anos e serán reelixibles unha única vez.
3. Son funcións da Comisión de Publicacións:

  • Propoñer as liñas xerais da política editorial.
  • Programar, iniciar ou suprimir coleccións editoriais, revistas ou demais series ou publicacións en xeral, agás as de carácter institucional.
  • Informar positiva ou negativamente os orixinais para a súa publicación, despois de coñecer os informes que os acompañen ou que, no seu caso, se solicitaren.
  • Informar e propoñer os acordos de coedición con outras institucións, privadas ou públicas.
  • Aprobar a normativa para a presentación e admisión de orixinais.
  • Establecer a prelación na publicación de orixinais e aprobar o calendario que propoña a dirección.
  • Informar as liñas xerais sobre deseño gráfico, criterios tipográficos, tiradas, prezo de venda e outras características técnicas relacionadas coa edición.
  • Propoñer a consideración todos aqueles temas que beneficien o funcionamento do Servizo e informar os asuntos que lle soliciten os órganos de goberno.

Artigo 8
1. A Comisión de Publicacións deberá reunirse como mínimo dúas veces por ano. Tamén se reunirá a solicitude de, cando menos, un terzo dos seus membros ou por proposta da presidencia.
2. A convocatoria, dirixida persoalmente a todos os membros da Comisión, realizarase por escrito con sete días de antelación e incluirá coa orde do día unha relación dos orixinais que se sometan a avaliación, que estarán a disposición dos membros para a súa consulta previa.
3. A constitución da Comisión terá lugar en primeira convocatoria coa presenza da presidencia, da secretaría, ou persoas en quen deleguen, e a metade máis un dos membros. En segunda convocatoria abondará coa presenza da presidencia, a secretaría, ou persoas en quen deleguen, e un terzo dos seus membros.

CAPÍTULO III. POLÍTICA EDITORIAL

Artigo 9
1. O SPU editará:

  • Publicacións de carácter institucional ou de compromiso protocolario, con orzamento propio, relacionadas coa Universidade ou co seu contorno.
  • Coleccións de monografías.
  • Revistas científicas e series producidas na Universidade da Coruña.
  • Teses de doutoramento, defendidas na Universidade da Coruña e aprobadas pola Comisión de Pûblicacións, sempre en formato dixital ou en liña.
  • Manuais e textos de carácter didáctico ou docente que realice o profesorado da Universidade da Coruña, que aparecerán como edicións en liña. Estes textos, que deberán axustarse aos planos de estudo vixentes, deberán ser avalados polo departamento responsable desa docencia.
  • Actas de congresos que se celebren na Universidade da Coruña. O seu financiamento deberá correr por conta das persoas organizadoras cando menos no 70 % do seu custo total.
  • Publicacións de interese cultural ou de divulgación científica ou artística.
  • O catálogo do seu fondo editorial.

Estas publicacións tenderán a agruparse en coleccións ou en series temáticas diferenciadas.

Artigo 10
No caso de series editoriais ou coleccións que dispoñan de orzamento propio, estas poderán ter autonomía para establecer o seu propio consello editorial. En todo caso, para o uso do ISBN ou dos logotipos e marcas institucionais e para a inclusión das súas publicacións no catálogo do SPU, estes consellos deberán ser aprobados pola Comisión de Publicacións e tenderán a axustarse nas súas edicións aos formatos e aos deseños xerais do SPU.

Artigo 11
1. As revistas e as publicacións periódicas que se adscriban á Universidade da Coruña e sexan parcial ou totalmente orzadas por ela terán autonomía editorial para estableceren os seus contidos e a súa liña editorial. Deberán contar, en todo caso, cun director ou cunha directora e cun consello de redacción, onde poderán integrarse membros de recoñecido prestixio non pertencentes á Universidade da Coruña. A xestión administrativa e económica correrá a cargo do SPU, que poderá determinar a súa periodicidade, a tiraxe, o número máximo de páxinas, o prezo de venda e o formato editorial.
2. Para a súa avaliación pola Comisión de Publicacións, a administración do Servizo achegará, xunto cos posibles informes académicos, unha estimación do custo aproximado da edición, da tiraxe e do prezo de venda.

Artigo 12
O SPU poderá realizar coedicións con entidades públicas ou privadas segundo os acordos aprobados pola Comisión de Publicacións.

Artigo 13
A Comisión de Publicacións determinará o formato editorial e o soporte de lectura en razón das características da publicación.

Artigo 14
Con independencia dos criterios xerais expostos neste regulamento, a Comisión de Publicacións establecerá a normativa particular para a presentación de orixinais, tanto de monografías como de actas de reunións científicas ou de teses de doutoramento, e para a publicación de revistas científicas ou coleccións.

CAPÍTULO IV. RÉXIME XURIDICO-ECONÓMICO E FINANCIAMENTO

Artigo 15
Corresponde exclusivamente ao SPU o rexistro legal (depósito legal, I.S.B.N., I.S.S.N., etc.) das publicacións da Universidade da Coruña. O Servizo poderá cedelo, no seu caso, a outras publicacións do seu ámbito institucional sempre que conten co informe favorable dun centro ou dun departamento, tras o solicitar á dirección do Servizo e coa aprobación do Consello de Publicacións. O SPU poderá asinar acordos de distribución, exclusiva ou non, para a súa incorporación no catálogo.

Artigo 16
Os rendementos derivados da comercialización de produtos editoriais propios, da explotación dos dereitos de propiedade intelectual ou calquera outros procedentes da súa actividade, incorporaranse aos orzamentos da Universidade da Coruña, que procurará revertelos no autofinanciamento do Servizo, sempre que a normativa ou os órganos de goberno non dispuxeren outra cousa.

Artigo 17
As contribucións de diversos autores que, de acordo co artigo 8 do Real Decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, teñan a consideración de obra colectiva serán editados polo SPU a nome da Universidade da Coruña, á que corresponderán os seus dereitos de explotación.

Artigo 18
O SPU procurará e fomentará o intercambio de publicacións con outras universidades e institucións de carácter científico. Os exemplares recibidos integraranse na Biblioteca da Universidade.

Artigo 19
O SPU poderá propoñer ao reitor convenios, acordos ou contratos con outras institucións públicas ou privadas.

Artigo 20
As colaboracións financeiras procedentes do exterior clasificaranse nas seguintes modalidades:

  • Mención simple da axuda, cando se limite a aboar un número de exemplares menor do 30%.
  • Mención de colaboración en contraportada, cando supoña entre un 30 e un 50% do custo da edición.
  • Se a cantidade que se subvenciona alcanza o 50% do custo da edición considerarase coedición.

En calquera caso, a entidade colaboradora poderá recibir un número de exemplares equivalente á súa participación nos gastos de edición.

Artigo 21
Os contratos de edición asinaraos o/a reitor/a ou o/a vicerreitor/a correspondente tras a proposta da dirección do SPU e especificarán as condicións da edición.

Artigo 22
Para a mellor distribución e comercialización do fondo editorial propio, a Universidade da Coruña poderá contratar empresas distribuidoras, tanto de ámbito galego como español ou internacional.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

Quedan derrogadas as normativas e os regulamentos previos sobre o Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación no Consello de Goberno.

[Documento pdf]