Normas para a presentación de orixinais

NORMAS XERAIS

Os orixinais serán presentados nas oficinas do Servizo de Publicacións xunto co formulario de solicitude que se achega debidamente cuberto. O/a autor/a recibirá un xustificante da entrega. Entenderase en todo caso que o/a autor/a posúe unha copia do orixinal entregado.

A obra, procesada en computadora nun dos programas de texto habituais no mercado, presentarase nunha copia en papel, encadernada e paxinada, de tamaño DIN A-4, e noutra en disquete ou en CD.

As ilustracións, os mapas, os planos e outros materiais gráficos presentaranse en arquivo á parte, dixitalizados en formato TIFF, cunha resolución mínima de 300 puntos por polgada e recomendada de entre 600 e 1200 ppp.

Os gráficos presentaranse preferentemente en EXCEL, arquivos .XLS.

Os disquetes ou en CD presentaranse rotulados, con indicación precisa do procesador utilizado (modelo e versión). Cada un dos arquivos que conteñan será identificado mediante un nome e un número correspondente á orde de montaxe.

A determinación do formato, soporte de lectura (libro, CD, DVD, publicación en liña) deseño das cubertas e número de exemplares da tiraxe son responsabilidade do Servizo de Publicacións, que procurará atender as suxestións dos autores ou coordinadores das publicacións.

No caso de obter a aprobación por parte da comisión, o autor ou autores asinarán o contrato editorial que se achega.

NORMAS ESPECÍFICAS PARA MONOGRAFÍAS

O procedemento xeral para a publicación de monografías seguirá os seguintes pasos:

  • Presentación nas dependencias do Servizo de Publicacións dun exemplar mecanografado e en soporte informático do orixinal, acompañado polo formulario que se achega debidamente cuberto e por un informe favorable do departamento correspondente, en que consten os nomes dun mínimo de cinco e un máximo de dez posibles avaliadores alleos á UDC, con indicación da universidade ou da institución a que pertencen.
  • Admisión a trámite por parte do persoal do Servizo, que revisará a documentación achegada e asignará un número de entrada ao expediente.
  • Solicitude de dous informes técnicos de avaliadores alleos á UDC.
  • Aprobación ou rexeitamento do proxecto de publicación por parte da Comisión de Publicacións. No caso de aprobación, determinarase a modalidade, as características e as condicións da edición.
  • Remisión do exemplar definitivo (mecanografado e en soporte informático) por parte do/a autor/a, no prazo máximo dun mes que conta a partir da data de aprobación.
  • Revisión lingüística do orixinal, a cargo do persoal do Servizo.
  • Solicitude de orzamentos ás imprentas, valoración destes e adxudicación do encargo.
  • Sinatura do contrato editorial co/a autor/a.
  • Maquetación e corrección de probas.
  • Publicación.
  • Distribución e promoción editorial.

Na colección de monografías non se publicarán orixinais que consistan en: proxectos fin de carreira, teses de licenciatura ou traballos para a obtención do DEA, teses de doutoramento e memorias de oposición.

A extensión máxima recomendada será de 250 páxinas, tamaño DIN A4, de aproximadamente 2100 caracteres por páxina (30 liñas por páxina, 70 caracteres por liña).

A impresión en cor considerarase unha opción editorial excluída de financiamento íntegro a cargo do Servizo de Publicacións.

Unha vez que, aprobado o proxecto de publicación, o/a autor/a remita o exemplar definitivo non se admitirán engadidos nin outras modificacións de texto, agás casos debidamente xustificados.

NORMAS ESPECÍFICAS PARA ACTAS DE CURSOS E CONGRESOS

As persoas responsables da edición acompañarán o exemplar mecanografado e en versión informática cunha memoria en que consten os seguintes datos

  • Nome do curso ou congreso
  • Nome da(s) persoa(s) coordinadora(s)
  • Data e lugar de realización
  • Entidades que participan no organización e no financiamento do evento
  • Comité de avaliación dos orixinais presentados, se o houber
  • Soporte de escritura previsto para as actas
  • Opcións editoriais previstas (tiraxe de separatas, impresión en cor etc.)
  • Tiraxe prevista de exemplares das actas
  • Documentación que avale un financiamento mínimo do 70% do total dos custos estimados de publicación.
  • Índice do volume

A extensión máxima recomendada será de 500 páxinas, tamaño DIN A-4 (30 liñas por páxina, 70 caracteres por liña)

NORMAS ESPECÍFICAS PARA MANUAIS

Os orixinais deberán axustarse nos seus contidos ás materias correspondentes do plano de estudos da UDC. Presentaranse acompañados do formulario que se achega e co visto e prace do departamento ao que corresponda a docencia da materia.

A Comisión de Publicacións establecerá os mecanismos oportunos para valorar a calidade, a orixinalidade e a oportunidade do manual, e terá en consideración, entre outros, o número de alumnos da UDC matriculados na materia correspondente e a posibilidade de uso noutras universidades.

NORMAS ESPECÍFICAS PARA TESES DE DOUTORAMENTO

O Servizo de Publicacións ofrece aos doutores que defendesen a súa tese de doutoramento na UDC a posibilidade de publicar o texto íntegro en formato de CD. Para tal fin, efectuarase unha convocatoria anual para aprobar as solicitudes e organizar a súa edición. En calquera caso, o/a autor/a remitirá ás dependencias do Servizo un exemplar en soporte informático, xunto cun abstract e cinco palabras chave en galego, español e inglés.

Como criterio xeral, estas teses publicaranse agrupadas nun CD para os ámbitos de ciencias, técnicas e ciencias da saúde e noutro para os ámbitos de humanidades e xurídico-social.

O Servizo de Publicacións determinará as características da maquetación e tiraxe e reservará para o/a autor/a un número de cinco exemplares libres de custo. Así mesmo, ocuparase da distribución das restantes copias en bibliotecas públicas e institucións.

NORMAS ESPECÍFICAS PARA AS COEDICIÓNS, COLABORACIÓNS E AXUDAS

Segundo o disposto no artigo 12 do Regulamento do Servizo de Publicacións, este poderá realizar coedicións con entidades públicas ou privadas. Segundo o disposto no artigo 20 do Regulamento do Servizo de Publicacións, as colaboracións financeiras externas nos proxectos de edición clasificaranse en a) axudas (contribución inferior a un 30% dos custos totais), b) colaboracións (contribución intermedia entre o 30% e o50 %), e c) coedicións (contribución do 50%). Nos casos de colaboracións e coedicións, o anagrama corporativo da UDC deberá figurar nas follas de créditos e na portada ou contraportada do libro. No caso das axudas, abondará coa mención nas follas de créditos.

Todas as propostas de axuda, de colaboración ou de coedición deberán ser estudadas e, de ser o caso, aprobadas pola Comisión de Publicacións. Sen prexuízo do anterior, terán prioridade aqueles proxectos de colaboración ou de edición que se integren nalgunha das coleccións ou series propias do Servizo, cando se axustaren ás súas normas e aos seus deseños editoriais, así como aqueles outros promovidos por institucións que manteñan algún vínculo institucional coa UDC, especialmente a través de convenios.

Segundo un acordo da Comisión de Publicacións do 25 febreiro de 1999, actualizado en sucesivas convocatorias, prevese unha contribución máxima de 1500 euros do orzamento propio do Servizo para cada un dos proxectos que sexan publicados en editoriais alleas á UDC. A editorial corresponderá cun número de exemplares proporcional á contía da axuda, que serán destinados ao intercambio e non á distribución comercial, agás acordo diferente.

As persoas responsables do proxecto enviarán ás dependencias do Servizo de Publicacións un exemplar mecanografado e en versión informática da publicación, acompañado polo formulario que se achega debidamente cuberto e por un informe favorable do departamento correspondente.

NORMAS ESPECÍFICAS PARA A SERIE HOMENAXES

1. A serie de Homenaxes está dedicada á publicación de traballos orixinais reunidos como tributo a unha personalidade relevante do contorno académico, científico ou cultural.

2. Cada volume da serie Homenaxes contará cun editor, ou preferiblemente cun consello editorial, que se responsabilice da selección e da supervisión dos traballos presentados, atendendo tanto á calidade de cada contribución como á coherencia interna do volume e á súa adecuación ao perfil do homenaxeado.

3. A publicación dos volumes de Homenaxes deberá ser aprobada polo Consello de Departamento ou pola dirección do Centro ao que pertenzan os editores e promotores da iniciativa.

4. O Servizo de Publicacións da UDC contribuirá ao financiamento de cada volume de Homenaxes cunha porcentaxe do 50% dos custos totais. O 50% restante deberá ser achegado mediante financiamento externo, procedente ben do orzamento de Departamentos ou Centros, ben das contribucións dos suscritores do volume.

5. A extensión máxima recomendada será de 500 páxinas, tamaño DIN A-4 (30 liñas por páxina, 70 caracteres por liña)

NORMATIVA ESPECÍFICAS PARA A BIBLIOTECA DE DIVULGACIÓN E ENSAIO

1. A serie Biblioteca de divulgación e ensaio está dedicada á difusión do coñecemento e da cultura na sociedade.

2. As obras que se publiquen nesta serie deberán estar redixidas nun rexisto asequible e atractivo para o público en xeral.

3. A serie poderá dar acollida ás seguintes liñas editoriais.

3.1 Obras orixinais sobre temas de actualidade ou de interese xeral, ben sexan monografías ou compilacións de estudos particulares.

3.2 Traducións de obras orixinais destas características.

3.3 Recuperación de textos inéditos ou descatalogados de especial interese.

3.4 Compilacións de documentos sonoros, gráficos, etc. en formato de CD ou DVD.

4. Procurarase gardar un equilibrio entre os diferentes ámbitos de coñecemento. Sen perxuizo do anterior, darase prioridade aos orixinais referidos específicamente a aspectos da sociedade e da cultura galega, así como a aqueles redixidos en lingua galega.

5. A extensión máxima recomendada para as obras en formato de libro será de 200 páxinas, tamaño DIN A-4 (30 liñas por páxina, 70 caracteres por liña).