Presentación

 

O Servizo de Publicacións (SPU), adscrito á Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura, é o organismo editorial propio da Universidade da Coruña e, como tal, aspira a cumprir de xeito eficaz tres fins principais: difundir a investigación xerada pola institución entre a comunidade científica, apoiar o labor docente do profesorado e o discente do estudantado, e transmitir o coñecemento e a cultura na sociedade en xeral. Para levar adiante estes cometidos, o SPU ocúpase tanto das tarefas de produción editorial como da promoción e da comercialización de libros e revistas, así como da xestión dos intercambios con outras universidades e institucións.

O Servizo de Publicacións conta cun regulamento propio, aprobado no Consello de Goberno do 31 de maio de 2005, que contén as directrices fundamentais da súa política editorial. Os principais valores que presiden as actividades do SPU son a procura da calidade nos diferentes niveis e etapas do proceso editorial e a participación da comunidade universitaria na presentación de iniciativas e na propia avaliación do seu funcionamento ordinario. A Comisión de Publicacións, delegada do Consello de Goberno da Universidade, é a principal canle de participación de toda a comunidade universitaria na planificación e na xestión editorial.

Desde a súa creación, o SPU vén mantendo alianzas coas restantes editoriais universitarias do Estado, que se concretan principalmente na xestión do intercambio de fondos. Desde 2003 está integrado na Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE), coa que participa en feiras do libro españolas e internacionais, e publica periodicamente catálogos colectivos de novidades. Desde 2008 é socio de Cedro.

Invitamos a todos os que utilicen os contidos desta páxina web a enviarnos as súas suxestións para mellorar este ou calquer outro aspecto do Servizo de Publicacións, e nos axuden así a que sexa un instrumento áxil e eficaz de información e de comunicación cos potenciais usuarios do SPU, xa sexan membros da comunidade universitaria ou calquera persoa interesada pola cultura e o saber.

A Coruña, novembro de 2014