Proxectos con poboación sen teito

COLABORACIÓN CO FOGAR SOR EUSEBIA (A CORUÑA)
No Centro de Acollida de Sor Eusebia residen homes adultos que por circunstancias persoais non teñen recursos suficientes e precisan atención especializada por ter algunha dependencia específica.
Este proxecto xorde no ano 2011 dende a Oficina de Cooperación e Voluntariado para tentar achegar o mundo exterior aos residentes no Fogar. As persoas voluntarias deseñan programas de lecer con obxetivos integradores para tentar cubrir unha necesidade de ocio. Ditas actividades tentan crear identidades de grupo e propíciase unha participación activa na elaboración do programa por parte dos residentes. Ao mesmo tempo, realízanse saídas a diferentes puntos de A Coruña (parques, praias, museos)... para tentar achegar as posibilidades da cidade a todos os participantes no proxecto, promovendo dese xeito calquera tipo interactuación positiva entre eles e o entorno.

 

FOGAR DE ACOLLIDA DE MULLERES SANTA LUCÍA (A CORUÑA)
A Fundación Hogar Santa Lucía é un centro de acollida de mulleres que busca a recuperación integral da muller, a súa dignidade. As persoas voluntarias da Oficina de Cooperación e Voluntariado participan no centro de acollida colaborando en obradoiros de adquisición de coñecementos básicos de informática, clases de alfabetización e saídas culturais, entre outras actividades. Ao mesmo tempo desenvolven tarefas de acompañamento ás mulleres que residen nel.

 

ALBERGUE DE TRANSEÚNTES PADRE RUBINOS (A CORUÑA)
A Institución Benéfico Social Padre Rubinos é unha asociación sen ánimo de lucro que nace como Patronato da Caridade, o día 19 de Abril de 1918 co fin concreto de EXTINGUIR A MENDICIDADE NA CIDADE DA CORUÑA, sen embargo ten os seus antecedentes nunha Institución creada polo Alcalde D. Manuel Casas Fernández en 1913, o Asilo Nocturno de Borrachos.
O voluntariado da OCV colabora nas actividades do centro de día que se ofrecen para as persoas usuarias do albergue, na recollida e clasificación de roupa ou na colaboración coas actividades do comedor. Tamén participa en actividades de ocio (saídas culturais, etc.); obradoiros de prensa, ioga, elaboración xabróns, pintura, etc., e na liga social de fútbol.