Proxectos con menores

POBOADO AS RAÑAS  (A CORUÑA)
Nas Rañas viven familias con poucos recursos económicos, as súas posibilidades de conseguir unha vivenda digna son reducidas e a súa situación social non mellora.
As nenas e nenos destas familias atopan dificultades maiores ca outros nos seus respectivos procesos de socialización. Nalgúns casos a infancia, precisa dun reforzo educativo coa intención de acometer actuacións paliativas das situacións de desvantaxe social e educativa. Dende a acción voluntaria enténdese o proceso educativo como unha forma de prevención cara o futuro. Por isto, preténdese promover unha paulatina construcción de connotacións positivas ao redor do contexto escolar e as tarefas escolares, coa finalidade de actuar como pequeno elemento de sinerxia nas canles educativas ordinarias.
O proxecto é propio e xestionado pola OCV. Foi proposto e posto en marcha polo propio voluntariado, motivado pola detección dunha necesidade específica das Rañas. As actividades que se desenvolven nestes están orientadas a apoiar nas tarefas escolares á infancia e adolescencia de entre 6 e 16 anos, ademais de introducir aos máis pequenos e pequenas no estudo. Tamén se organizan actividades puntuais de lecer e tempo libre.

COLABORACIÓN CON AXUDA EN ACCIÓN (A Coruña)
 
Ponse en marcha o programa LECXIT da man da ONG Axuda en Acción, no que o voluntariado acompañará a nenos e nenas con dificultades económicas na animación á lectura. Os obxectivos que persegue este proxecto son a utilización da lectura e a mentoría como ferramenta para mellorar as capacidades académicas, a autoestima e o desenvolvemento das habilidades sociais en menores en situación de vulnerabilidade social. 
 
COLABORACIÓN CON ADAPTASOCIAL (MAC -  A Coruña)
 
O Museo de Arte Contemporáneo de A Coruña, constitúe un espazo de arte e soporte social cos programas que leva a cabo Adaptasocial, e nos cales dende a OCV queremos apoiar.
 
Por unha banda, está o programa Acompañarte; un Plan de Autocoidado Social, Emocional, Físico e Cognitivo, onde mediante actividades socioformativas se procura "que cada persoa sexa un axente proactivo para manter e mellorar os seus niveis de saúde e calidade de vida", fomentando actitudes e comportamentos beneficiosos.
 
Pola outra banda, atópase o programa de Apoio Social Familiar, dirixido a familias con fillos en situación de risco de pobreza. O obxectivo deste programa é "colaborar na formación e o coidado dos menores" a través de actividades de mellora de competencias académicas básicas, culturais, e tamén a mellora da nutrición destes nenos e nenas cunha merenda saudable nas instalacións do MAC.
 
 

CENTRO DE ACOLLIDA DE MENORES DE BAÑOBRE (MIÑO)

O centro de acollida de menores de Bañobre, situado no contorno de Miño, é unha casa de acollida para nenas e nenos de 0 a 18 anos, que por determinadas circunstancias non poden vivir nos seus fogares.
As persoas que viven neste centro teñen, normalmente, dificultades a nivel emocional, de socialización e de curriculum escolar, polo que precisan apoio en varios ámbitos para o seu axeitado desenvolvemento.
As persoas voluntarias da OCV desenvolven tarefas de lecer cos menores que permanecen no centro durante a fin de semana. Entre os obxectivos que se traballan neste proxecto están buscar a individualización no trato co menor ou posibilitarlles un tempo de ocio e de lecer fóra do centro de acollida.

 

E AGORA QUE? (MIÑO e FERROL)

Este proxecto tivo a súa orixe no centro de acollida de Bañobre en Miño, a partir das necesidades sociolaborais xurdidas entre os menores que alí residen, e que unha vez acadan a súa adolescencia teñen que comezar a desenvolver unhas expectativas de emancipación persoais. O proxecto naceu no ano 2012 como resposta ás ditas necesidades, detectadas polas propias persoas voluntarias do Proxecto, en colaboración co centro de acollida. A partir do ano 2018, este proxecto desenvólvese tamén en Ferrol, grazas á colaboración establecida entre a OCV e o Centro de Menores Ferrol I.
As persoas voluntarias levan a cabo un programa de seguimento e de orientación cos adolescentes dos Centros, que trata de ser unha “fase ponte” cara a saída dos mesmos, onde os plans de acceso á vivenda, a orientación laboral, a continuidade da formación académica, etc. tratan de ser as ferramentas esenciais de empoderamento.

 

APOIO ESCOLAR CON MENORES (FERROL)
Este programa de voluntariado está adicado ao apoio escolar e á promoción da interculturalidade con menores, fundamentalmente pertencentes a minorías étnicas e/ou inmigrantes e descendentes, mais tamén autóctonos en especial situación de vulnerabilidade, ata os 16 anos.
O voluntariado ofrece apoio na realización das tarefas que lles encomendan nas escolas, os sábados pola mañá en horario de 11.30 a 13.30 h, nun aula do edificio de apoio ao estudo do campus de Esteiro.