Proxectos con persoas con diversidade funcional

 COLABORACIÓN CO CAMF (FERROL)
O Centro de Atención a Minusválidos Físicos de Ferrol é unha institución que ofrece atención integral ás persoas con minusvalía física grave que, ao carecer de posibilidades de recuperación profesional e de integración laboral, atopan grandes dificultades para ser atendidas no seu contorno familiar e social.
Só existen cinco centros destas características en toda España (CAMF), o que implica que os internos proveñen de todas as partes do territorio nacional e atópanse, a miúdo, lonxe das súas familias.
O papel das persoas voluntarias neste programa é o de formar parte das actividades de lecer e de entretemento, por unha banda; e, pola outra, acompañar ás persoas usuarias nas súas xestións da vida cotiá (visitas médicas, papeleo administrativo...), unha labor que normalmente desempeñan as familias. Puntualmente tamén requírense perfís máis específicos: apoio ao técnico de deporte adaptado, alfabetización dixital, etc.

 

COLABORACIÓN CO CENTRO PAI MENNI (BETANZOS)

O Centro Pai Menni ofrece unha atención integral a persoas con discapacidade intelectual proporcionándolles unha intervención multidisciplinar e persoalizada.

As actividades que se desenvolven mediante o voluntariado están orientadas cara ao ocio das persoas que residen no centro, como por exemplo saídas nocturnas, roteiros de sendeirismo, acompañamento no centro de xubilados, apoio no entrenamento deportivo de baloncesto e fútbol sala.

 

COLABORACIÓN CON AFAES PORTANOVA (NARÓN)

A Asociación AFAES Porta Nova ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, a través de dúas grandes áreas: autonomía persoal, que permita o desenvolvemento integral da persoa nos ámbitos persoal, cognitivo, afectivo e social; e a iIntegración socio-comunitaria, favorecendo a participación nas actividades ocupacionais, formativas, laborais, culturais e de lecer máis axeitadas, permitindo á persoa participar no seu entorno en condicións de igualdade.

As persoas voluntarias que participan neste programa, serán de apoio nas tarefas ocupacionais, actividades no tempo de ocio, actividade física (fútbol sala, etc.), e outras relacionadas coa vida diaria: compras, autocoidado persoal, etc.

Dependendo das actividades, os horarios de participación serán de mañá ou tarde, semana ou fins de semana.