Un xogo baseado nas Cantigas de Santa María e deseñado por dous alumnos do máster de Videoxogos da UDC gaña a game jam “Afonso X e Galicia”

Nota de prensa
7/04/21 14:09
  • Institucional

Ferrol, 7 de abril de 2021.- O xogo “O Mester”, deseñado polos alumnos do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Carlos Balado Sánchez e Pablo García de los Salmones Gómez, vén de gañar a game jam “Afonso X e Galicia” convocada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e máis pola Asociación Galega do Videoxogo (Videoxogo.gal). A entrega do premio, dotado con 250 euros en metálico, terá lugar, o vindeiro venres 16 de abril, ás 17:00 horas, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Tal e como explican os dous estudantes da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus de Ferrol, o videoxogo parte da tradición musical das Cantigas de Santa María e propón ás persoas usuarias retos musicais cos personaxes das ilustracións do Códice. Segundo indican desde o CCG, o xurado destacou que o proxecto galardoado “conta cunha ambientación musical e visual moi coidada e toques humorísticos que o converten nunha proposta atractiva que permite amosar o potencial das Cantigas de Santa María para seren incorporados a formatos e linguaxes do presente”.

 

Un encontro virtual de desenvolvedores para difundir o legado cultural

Ao fío da exposición “Afonso X e Galicia”, que se poderá visitar ata o próximo 24 de abril na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, o CCG convocou, en colaboración con Videoxogo.gal, un encontro virtual de desenvolvedores para difundir este legado cultural entre o público máis novo botando man doutros soportes e linguaxes. Na game jam participaron tamén outros dous xogos, “Decimus”, de Xogon e Xurzo Diz, e “Alfonso X y las cuatro cantigas”, de macanaDEV.

O xurado estivo integrado pola profesora da Universidade da Coruña (UDC), directiva de Videoxogo.gal e socia de imaxin|software, Luz Castro Pena, polo membro da Sección de Lingua e Literatura e Comunicación do CCG e editor da revista Morcego, Carlos Pereiro, e mais polo xornalista, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da plataforma de divulgación culturagalega.gal, Manuel Gago.

Proxecto gañador: https://ramidreju.itch.io/o-mester  

 

Game Play: https://www.youtube.com/watch?v=6rbU0Jf0F6s

 

Foto: De esquerda a dereita, Carlos Balado Sánchez e Pablo García de los Salmones Gómez, alumnos do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte no Campus de Ferrol, durante unha videoconferencia.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC