Reitor, secretario Xeral de Educación e a concelleira Esther Fontán inauguran o congreso internacional de economía e dirección da empresa

Nota de prensa
17/06/19 17:29
  • Institucional

A Coruña, 17 de xuño de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurou esta mañá na Facultade de Economía e Empresa o XXIX Congreso da Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE) “Globalización en contornos de complexidade e incertidume”. Xunto co reitor estaba o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro, a concelleira Esther Fontán, o decano da Facultade, Manuel Gómez, o presidente de ACEDE, Xavier Molina, e o presidente do comité organizador do congreso, o profesor da UDC Rafael García Rodríguez.

O reitor parabenizou aos organizadores pola calidade do programa, así como a asistencia do secretario Xeral ao acto de inauguración ao que agradeceu “o clima de diálogo e traballo conxunto que sempre mantivemos”. Tamén recoñeceu a asistencia da concelleira Esther Fontán no seu primeiro acto como concelleira da Coruña e “de que mellor maneira que inaugurando un congreso universitario” e avanzou que Universidade e Concello “seguirán traballando para ter unha universidade mellor”. Abalde encontrou moi oportuno o tema de debate deste congreso, en liña co traballo que se require para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentables no 2030. “Falar de sustentabilidade non é só falar de cambio climático, tamén de sustentabilidade social e económica e para iso é fundamental o papel dos que traballades na economía e na empresa”, manifestou engadindo que a UDC, en colaboración coa Xunta de Galicia, plantexou a posibilidade de aliñar a docencia e a investigación arredor dun campus de especialización en sustentabilidade, con catro grandes liñas de traballo: sustentabilidade ambiental, social, económica e de calidade de vida. “Sobre estas catro patas a UDC traballa en aportar coñecemento e transferencia para lograr unha sociedade máis xusta, solidaria e, en fin, máis sustentable”. O reitor animou aos numerosos asistentes, nacionais e estranxeiros, a volver visitar Galicia o vindeiro ano Xacobeo, facendo a ruta do Camiño Inglés, que partindo de Ferrol e da Coruña, onde a UDC ten os seus campus, chega a Santiago.

Pola súa banda, o presidente de ACEDE, o profesor da Universitat Jaume I, agradeceu á Universidade a acollida desta edición do congreso e destacou que manter durante 29 anos ese encontro en tempos de cambios vén demostrar que a idea da ACEDE “vale a pena”.

Finalmente, Rafael García subliñou que o propósito do congreso é “contribuír ao intercambio de ideas relacionadas coa xestión da empresa nun contorno global”. O presidente do comité organizador agradeceu a todos os colaboradores o traballo de organización dun congreso que, entre outras cifras destacadas, terá seis conferenciantes estranxeiros (de Minnesota, París, Texas, Porto, Venecia e Toronto), 47 sesións paralelas, cinco mesas interactivas, 261 comunicacións e 331 asistentes.

Logo do acto de inauguración o analistas internacionais Shaker A. Zahra, da Universidade de Minnesota, un dos investigadores máis influíntes na área de emprendemento e cuxo nome aparece continuamente nas listaxes de candidatos ao Nobel de Economía, impartiu a conferencia inaugural.

O programa, https://www.congresoacede.org/es/, inclúe unha conferencia plenaria a cargo de Antonio Abril Abadín, mañá martes 18, ás 12:45h., sobre “A necesaria excelencia da universidade nun mundo global e tecnolóxico”. Abril Abadín é presidente do Consello Social da UDC, presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas, secretario xeral e do Consello de Administración e Director de Cumprimento Normativo de Inditex. Licenciado en Dereito, preside a Comisión Universidade-Empresa da Cámara de Comercio de España e é membro do Patronato da Fundación Conocimiento y Desarrollo (CyD). Tamén mañá martes 18, ás 16:30 horas, o salón de actos da Facultade de Economía e Empresa acollerá unha mesa de debate empresarial coa participación de Ignacio Rivera, CEO de Hijos de Riversa S.A.; Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa; Carlos Martínez, CEO SanBrandán; e José Luis Calvo Pumpido, presidente de Honra do Grupo Calvo S.A.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC