Profesorado da EPS valora, na visita do reitor ao centro, o novo edificio de Esteiro para ter un campus totalmente integrado

Nota de prensa
16/05/19 9:10
  • Institucional

A Coruña, 16 de maio de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, reuníronse o pasado 5 abril  coa comunidade universitaria da Escola Politécnica Superior, dentro da rolda de contactos que o equipo de goberno da Reitoría mantén todos os cursos por todos os centros. Esta reunión produciuse escasos días despois de que o reitor anunciase en Consello de Goberno a intención do seu equipo de goberno de ampliar o Campus de Ferrol polo que, movido por esta situación, modificou o seu discurso habitual de apertura destes encontros para centrarse nesta importante novidade, consecuencia, dixo, de moito traballo previo reservado.

Desde hai tempo estaban a estudar todas as posibilidades para ampliar o Campus de Esteiro de forma que se concentrasen todos os estudantes de Ferrol neste espazo. Neste camiño, recoñeceu o reitor, “apareceron varias alternativas mesmo contamos coa implicación do Concello de Ferrol que fixo un barrido de espazos preto do campus pero ningunha das parcelas era óptima”.

Finalmente, a busca por parte da universidade deu como froito dúas posibles opcións: un terreo baleiro e un edificio que non está en uso; e comezaron as negociacións. O edificio é a residencia de Batallóns, enfronte á Casa do Patín, do que xa está negociada a cesión por parte de Defensa. Farase un protocolo de cesión a cinco anos con opción de compra. O edificio está en bo estado con salas e habitacións que poden ser unha alternativa para despachos de PDI e almacén para a biblioteca. O equipo de goberno da UDC considerou este edificio como unha boa opción pero non aporta unha solución definitiva á falta de espazo no campus, polo que seguiuse buscando, confesou o reitor, outra alternativa ata atopar un solar ante a Facultade de Ciencias do Traballo. Esta parcela, pertencente a Defensa, está desagregada e ía saír a poxa. Custa 1,2 millóns de euros. “Xa a compramos”, asegurou o reitor. Ten 1.500 metros cadrados de edificabilidade con dous sotos máis seis alturas. Pediuse á ETSAC que fixese unha simulación de construción en dúas fases. A primeira, tería un edificio de 4.800 metros cadrados construídos e a segunda, 3.700 metros cadrados construídos e 2.000 máis de sotos.

A primeira fase, explicou o reitor, custaría cinco millóns de euros, para a que xa ten a UDC o compromiso de financiamento. Neste ano farase o proxecto construtivo para sacalo a concurso e que se constrúa nos anos 2020 e 2021. O proxecto total será de dous edificios que se unificarán nunha construción en dúas fases. Este edificio estará vinculado a actividades de I+D polo que acollerá a sede do Campus Industrial e o Centro de Investigación de Empresa Intelixente. “Alí concentraremos todo o que temos dedicado a investigación que se poida trasladar deixando libres o edificio de Talleres e outros como o CIT que se poderán usar para actividades docentes”, adiantou Abalde cualificando estes movementos como “unha reestruturación completa do campus”.

O director da Escola, Armando Yáñez, amosou a súa satisfacción por esta nova construción que permitirá unificar os dous centros de enxeñaría (a EPS e a EUP, en Serantes). “É moi importante ter un tamaño máis grande porque podemos acometer melloras e ampliacións de estudos”, destacou á vez que pediu ao equipo reitoral que conten co persoal do campus á hora de concretar as especificidades dos novos edificios. Un dos profesores preguntou ao reitor se a unificación das escolas politécnicas está ligada á construción do novo edificio ou se acometería antes ao que o reitor contestou que habería que estudar as opcións de espazo que quedaría libre no campus ao ocupar a residencia de Batallóns. Abalde asegurou que o obxectivo de todos estes movementos “é a fusión dos dous centros que sempre defendín”.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia apuntou ademais á posibilidade de ocupar espazos no CIS, de A Cabana, que se está estudando e que liberaría tamén laboratorios do CIT. Sobre o uso das instalacións do CIS, o reitor concretou que serían só para investigación, non para docencia pois alí non se pode dar ao alumnado “os servizos que queremos darlles”.

Xa entrando noutros temas de debate, unha das profesoras lamentou a falta de prazas de aparcamento existentes en Esteiro. A vicerreitora do campus de Ferrol lembrou o acordo que permite usar o aparcadoiro da igrexa do Pilar, que libera moitas prazas do campus, e tamén informou das negociacións co Concello para que se mellore a situación do lugar cercano ao campus coñecido como o “1008”. Así mesmo, falouse co Cuartel e con Navantia pero non se conseguiu nada. De todas formas, Torres comentou a existencia dun grupo de traballo sobre mobilidade, liderado polo Concello e no que participan a Xunta e a UDC, con propostas que poden mellorar moito este tema.

Outro dos docentes puxo sobre a mesa o tema da asignación docente cuestionando a súa optimización, que o reitor derivou á comisión delegada do Consello de Goberno, a COAP, que é a que toma decisións nese sentido, baseadas nas normativas. Este mesmo docente felicitou ao reitor polo novo edificio que “traerá un desenvolvemento importante para este campus”.

O director tomou de novo a palabra para falar sobre as comisións redactoras dos títulos para queixarse da pouca intervención dos centros. O reitor explicou que a universidade está a vivir un cambio na súa configuración coa aparición de novas estruturas que hai que encaixar coas existentes. “Vimos dunha configuración de titulación e centro pero agora hai titulacións que non son de centro. Eu sempre defendo que temos que pensar qué profesional queremos ter e a partir de aí buscar as competencias, e desde aí elaborar o plan de estudos”, alegou.

Outro profesor manifestouse de acordo totalmente co plantexado polo reitor en canto ás áreas de coñecemento e dun mellor aproveitamento da capacitación docente. “Na área de construcións navais destes o primeiro paso de integración e estou moi satisfeito, e coa unión das Politécnicas espero que se consiga o que os alumnos demandan de nós: ter un campus totalmente integrado”, afirmou. Sobre a docencia preguntou pola relación da carga presencial das materias e os créditos e pediu unha mellor dotación de laboratorios. Abalde recordou que 1 ECTS son 25 horas de traballo do alumno e aí entra o traballo autónomo, as prácticas, presencialidade en aula, seminarios, etc. Son 8,5 horas presenciais e o profesor do centro determina como se distribúe. Para xustificar a dotación dos laboratorios, Abalde, botou man dos datos económicos da UDC, insuficientes para cubrir todas as necesidades e comentou que se están a buscar vías de financiamento para dotar mellor aos laboratorios, como o compromiso dunha cesión dunha empresa de equipamento de segunda xeración e apuntou a esta opción como unha vía a explorar.

Para rematar, entre outros temas que se trataron, unha das persoas do colectivo PAS preguntou ao reitor se a nova RPT terá en conta a mobilidade interinstitucional, punto no que o reitor non se comprometeu. “Haberá que velo; temos que ir a unha estrutura de RPT distinta da que temos actualmente pero haberá que pensala entre todos”, apuntou.

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC