O reitor inaugura mañá en Palexco o 27º Congreso Europeo de Procesamento de Sinal

Nota de prensa
2/09/19 14:19
  • Institucional

A Coruña, 2 de setembro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, participará mañá, martes, 3 de setembro, ás 8:30 horas no acto de inauguración da 27 edición do Congreso Europeo de Procesamento de Sinal que nesta ocasión acolle a cidade da Coruña.

O congreso terá lugar en Palexco e a cerimonia inaugural será na sala Gaviota. Asistirán ademais do reitor, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a conselleira de Educación, Carmen Pomar; e os co-presidentes do comité organizador, o profesor da UDC Luis Castedo e a profesora da Stony Brook University (EEUU.) Mónica Bugallo.

Este congreso reunirá na Coruña a 800 expertos internacionais no procesamento de sinal, unha disciplina fundamental en TIC con numerosas aplicacións en xestión de datos de voz, imaxe e vídeo, biomedicina, comunicacións, xeolocalización, intelixencia artificial e ciberseguridade, entre outros ámbitos. Procedentes de 52 países, presentaranse máis de 500 traballos científicos e participarán catro autoridades mundiais nos procesamentos de sinais: Josiane Zerubia (INRIA, Francia), Yurii Nesterov (CORE, UCL, Bélxica), Raymond Knopp (EURECOM, Francia) e Alejandro Ribeiro (Universidad de Pennsylvania, EE.UU.). O matemático ruso, Yurii Nesterov, referente teórico no procesamento de sinal, xerou gran expectativa entre os participantes por ser a primeira vez que accede a unha conferencia maxistral.

Dentro do marco deste congreso celebrarase este xoves, 5 de setembro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación da UDC, CITIC, o II Congreso “Xove TIC”. Esta iniciativa, que inaugurará o reitor, Julio Abalde, ás 9:30h., é unha iniciativa destinada a novos investigadores predoutorais e postdoutorais na área das TIC das universidades de Galicia e do norte de Portugal.

Máis información: http://eusipco2019.org/

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC