O primeiro curso MOOC da UDC “Música para o S.XXI: achegas do software libre á educación musical”, Premio Miriadax á Innovación Educativa

Nota de prensa
22/01/19 12:45
  • Institucional

A Coruña, 22 de xaneiro de 2019.- O primeiro MOOC (Massive Open Online Courses) lanzado pola Universidade da Coruña, en colaboración coa Universidade de Cádiz, “Música para o S.XXI: achegas do software libre á educación musical“, acaba de recibir o Premio Innovación Educativa MiríadaX 2018. O MOOC foi seleccionado entre un total de 89 candidaturas de 44 universidades de oito países diferentes. O curso está coordinado polas profesoras Rocío Chao Fernández, da Universidade da Coruña, e Sara Román García, da Universidad de Cádiz.

O proceso de deseño, gravación e edición deste curso MOOC foi coordinado desde a Unidade de Teleformación do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da UDC. Ademais, para este primeiro curso MOOC contouse coa colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación, así como co alumnado bolseiro desta mesma facultade.

O obxectivo deste curso online é que o alumnado desenvolva as competencias musical e dixital utilizando a metodoloxía de e-music learning. Ao longo de catro semanas preséntanse catro módulos: no primeiro trátanse conceptos xerais sobre a competencia mediática, a importancia da incorporación das TIC ao campo musical e os beneficios do emprego de software libre no ensino da música. Nos tres restantes danse a coñecer as posibilidades que ofrecen tres programas de software libre para a aprendizaxe e a práctica musical: Lenmus, MuseScore e Audacity, os cales lles permitirán coñecer conceptos de linguaxe musical mediante prácticas progresivas, realizar edición de partituras e creacións musicais e elaborar materiais prácticos.

Miríadax é unha plataforma de MOOC's iberoamericana, iniciativa de Telefónica Educación Digital, que aposta por impulsar o coñecemento en aberto no ámbito rexional da Educación Superior. O premio está dirixido a docentes ou equipos docentes de calquera universidade ou institución iberoamericana con iniciativas que promoven a aprendizaxe dixital e a inclusión social. Ademais do premio ás coodinadoras do curso, prémiase tamén ao equipo técnico que colaborou na súa publicación.

Entre outros indicadores, o concurso valora o deseño atractivo e a adaptación dos contidos co fin de que sexan accesibles para persoas con discapacidade visual ou  auditiva, a orixinalidade e capacidade da proposta para transmitir con rigor, extensión e claridade os contidos, a capacidade de dinamización da comunidade creada nos foros de discusión de cada curso ou o número de participantes que finalizan o curso, así como a súa valoración.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC