O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil abre o ciclo de visitas a centros de investigación que organiza o Campus Innova

Nota de prensa
10/07/19 14:07
  • Institucional

A Coruña, 10 de xullo de 2019.- O Campus Innova organiza o ciclo de visitas “Xullo 2019: Coñece os Centros de Investigación da UDC" que inclúe tres visitas independentes aos centros que conforman o parque tecnolóxico do Campus de Elviña da Universidade da Coruña.

O ciclo dá comezo mañá xoves, 11 de xullo, coa visita ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC). O  martes, 16 de xullo será a quenda do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). E o ciclo finalizará o venres, 19 de xullo no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC).

As visitas darán comezo ás 10:00 horas e terán unha duración aproximada de 60-90 minutos. Para participar nunha ou en varias das visitas propostas é necesario inscribirse cubrindo o seguinte formulario: https://forms.gle/vTqm8ezvcPbuQnn56

Os grupos serán limitados, sendo para cada un dos centros dun máximo de 25 persoas, que serán seleccionadas por estrita orde de recepción das solicitudes. Crearanse, así mesmo, listas de reserva por se algunha das persoas inscritas non puidese finalmente asistir.

Mañá xoves, 11 de xullo, de 10 a 11:30 horas, terá lugar a visita ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC). Durante a visita os participantes poderán coñecer de primeira man as infraestruturas e técnicas que posúe este centro capaces de tratar diversos proxectos. A visita incluirá o laboratorio de Construción, o laboratorio de Portos e Costas, laboratorio de Hidráulica, o laboratorio de Enxeñería Sanitaria, o laboratorio de Métodos Numéricos na Enxeñería, así como os Túneles de Vento para Ensaios Aerolásticos e de Capa Límite.

 

Sobre o CITEEC

O CITEEC creouse no ano 2000 co obxectivo de mellorar a investigación e o estudo no ámbito da construción, na súa vertente de edificación e de enxeñaría civil, vinculado polo tanto á investigación da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos. O CITEEC desenvolve tres áreas de actividade: promoción da investigación básica, investigación aplicada e consultoría a empresas e institucións. O CITEEC é un centro de investigación único en Galicia para ensaios de grande envergadura en enxeñaría civil, a disposición de empresas e institucións mediante acordos de cooperación para apoiar a realización de proxectos ou actividades que requiren estudos de modelos físicos, ou estudos de infraestrutura en detalle. Cada unha das tres áreas de actividade xera os seus propios proxectos e utiliza os seus propios equipos, todos os cales forman parte do equipamento do centro. O CITEEC, coordinado por Juan Rabuñal Dopico, acolle un total de 70 investigadores, mais nove persoas de apoio técnico, distribuídos en dez laboratorios:

  1. Estradas e Xeotecnia
  2. Construción
  3. Hidráulica
  4. Enxeñaría Ferroviaria e Transportes
  5. Enxeñaría Sanitaria e Ambiental
  6. Instrumentación e Sistemas Intelixentes en Enxeñaría Civil
  7. Mecánica de Rochas
  8. Métodos Numéricos en Enxeñaría
  9. Portos e Costas
  10. Túnel de Vento para Ensaios Aerolásticos

Os grupos de investigación vinculados a este centro son:

  • Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais, con Ignacio Pérez como investigador principal.
  • Grupo de Ferrocarrís e Transporte, dirixido por Miguel Rodríguez Bugarín.
  • Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente, con Enrique Peña como responsable.
  • Grupo de Enxeñaría da Construcción, con Fernando Martínez como investigador principal.
  • Grupo de Mecánica de Estruturas, dirixido por Santiago Hernández.
  • Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría, con Fermín Navarrina como responsable.

O CITEEC ampliou recentemente tanto as súas instalacións como o seu equipamento, nalgún caso con equipos singulares que converten ao CITEEC nun dos centros de investigación da súa área máis avanzados de Europa. Autoridad Portuaria de A Coruña, Portos de Galicia, Inditex, Gas Natural Fenosa, Emalcsa, FCC, Ferrovial, Dragados, Repsol, Abeconsa, OHL, Augas de Galicia, Sacyr e FerroAtlántica son algunhas das empresas e entidades coas que traballa este centro de innovación.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC