O Campus de Ferrol acolle mañá unha xornada de portas abertas coa enxeñaría como protagonista

Nota de prensa
14/03/19 14:56
  • Institucional

Ferrol, 14 de marzo de 2019.- Os directores das dúas escolas politécnicas do Campus de Ferrol, Armando Yáñez Casal e Andrés Piñón Pazos, recibirán mañá, venres 15 de marzo, ás 09:45 horas, na Aula 16 da Escola Universitaria Politécnica, aos alumnos e alumnas do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba, Lugo) e mais do CIFP Ferrolterra (Ferrol) que participan na xornada de portas abertas “Día da Enxeñaría”.

 

Co obxectivo de que o alumnado de ESO, Bacharelato e FP destes dous centros coñeza máis polo miúdo as titulacións técnicas que se ofertan no Campus de Ferrol, ás 10:00 horas, a Escola Universitaria Politécnica (EUP) presentará algúns dos seus laboratorios a través de tres actividades: “A enxeñaría eléctrica, motor de cambio”, “Contrólao todo: a automática e a electrónica” e “Da automatización a Ligths Out Factory”.

 

Pola súa banda, a Escola Politécnica Superior (EPS), a partires das 12:00 horas, porá en marcha os seguintes obradoiros: “Buques e ondas: a canle de ensaios hidrodinámicos”, “Simulación de máquinas e vehículos” e “Robótica autónoma”. Os participantes teñen tamén programada unha visita a Exponav ás 16:00 horas.

 

A actividade está organizada pola EPS e a EUP en colaboración co Campus Industrial e o Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE) da Universidade da Coruña.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC