A universidade abre o curso coa posta en marcha de cinco novos graos no Sistema Universitario Galego

Nota de prensa
7/09/18 13:56
  • Institucional

• O reitor da UDC, Julio Abalde, cualifica as universidades como verdadeiras “factorías de talento” • Pide consenso social e político para traballar por reverter as consecuencias da crise • Ábrese un camiño de futuro coa implantación do primeiro grao interuniversitario • A internacionalización dos campus, liña de traballo prioritaria para a universidade galega

A Coruña, 7 de setembro de 2018.- O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu esta mañá o acto de inauguración do curso universitario 2018/2019 das tres universidades galegas, nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e coa presenza dos tres reitores, Julio Abalde, da Universidade da Coruña, Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo.

A lección inaugural correu a cargo do profesor doutor Moisés Alberto García Núñez, da área de Organización de Empresas, docente na Facultade de Ciencias do Traballo da UDC, quen impartiu a conferencia “O ruído industrial”. O profesor explicou os efectos, tanto fisiolóxicos como de tipo psicolóxico, provocados polo ruído nos traballadores a el expostos. García Núñez considera que “a seguridade e a saúde dos traballadores adquiriron nos últimos tempos unha gran relevancia e son obxecto de preocupación por parte dos empresarios e institucións de todo o mundo”. Por este motivo, é “esencial” a presenza nas empresas de profesionais competentes que “sexan capaces de organizar, xestionar e auditar o desenvolvemento das técnicas de prevención de riscos laborais e que dominen o marco lexislativo e a situación actual nesta materia”. De seguido, analizou a problemática do ruído que pode provocar perda de audición, elevación da tensión arterial, estrés ou aumento do risco de sufrir accidentes. “A perda da audición provocada polo ruído é a enfermidade profesional máis común na Unión Europea”, asegurou, engadindo que “é importante que os traballadores sexan conscientes disto e adopten as medidas oportunas para reducir a incidencia deste factor de risco na contorna laboral”.

A continuación, interveu o reitor da Universidade da Coruña antes de que tomase a palabra o presidente da Xunta de Galicia. Coa actuación do Coro Universitario concluíu o acto de apertura do novo curso universitario.

 

Discurso de apertura do curso 2018-2019 no Sistema Universitario Galego do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso.-

 

 

“Sr. presidente da Xunta de Galicia,

Sr. conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

Srs. presidentes dos consellos sociais das universidades da Coruña e de Vigo,

Permítaseme unha benvida especial para os profesores Antonio López e Manuel Reigosa, que asisten por primeira vez a este acto de apertura como reitores de Santiago de Compostela e de Vigo, respectivamente.

Autoridades, representacións, exreitores das tres universidades, membros da comunidade universitaria, amigas e amigos todos:

A lección maxistral que acaba de impartir o profesor Moisés Alberto García Núñez abre, de xeito simbólico, o curso académico 2018-2019 no sistema universitario galego.

 

A súa rigorosa exposición sobre os problemas de seguridade e de saúde que ocasiona o ruído no ámbito industrial prologa, con brillantez, este novo período ordinario da actividade docente e científica nas facultades e nas escolas dos sete campus das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

Como apuntaba o profesor García Núñez no comezo da disertación, a súa propia traxectoria universitaria é todo un exemplo da diversidade e da complementariedade do sistema universitario galego e do valor do servizo que este lles presta aos galegos e ás galegas: comezou estudando en Santiago, seguiu en Vigo e desenvolve na actualidade a súa actividade docente e científica no campus ferrolán da universidade coruñesa.

Do mesmo xeito, e polo que falarei deseguido, o labor da súa  Facultade de Ciencias do Traballo (con distintos nomes en épocas anteriores), á que este ano lle correspondía a lección inaugural, subliña a importancia que ten, para a Galicia comercial e industrial, do presente e do futuro, dispoñer dun centro das súas características.

Moitas grazas e parabéns, pois, profesor García Núñez.

Arrancamos oficialmente. Estes días estanse incorporando ás aulas universitarias galegas máis de 50.000 alumnos e alumnas de grao. Progresivamente farano uns cantos milleiros máis nos distintos mestrados universitarios e nos programas de doutoramento incluídos na oferta de cada institución.

Dámoslles a benvida a  todas e a todos. Dun xeito moi  particular aos máis de 11.000 que, logo de superaren as probas de acceso, se incorporan por primeira vez aos campus. A súa ilusión e o seu esforzo inxectarán zume novo nos centros.

Estou seguro de que profesorado e persoal de administración e servizos estarán á altura das súas expectativas. Ese é, desde logo, o noso compromiso, que renovamos publicamente no inicio deste curso.

Forma parte dese compromiso o continuo proceso de mellora e de adaptación da oferta académica ás demandas do alumnado e do tecido socioeconómico, así como ao cumprimento das nosas responsabilidades culturais coa sociedade galega.

Nesta liña, póñense en marcha este curso cinco novos graos no noso sistema universitario.

En Santiago comezan o grao en Biotecnoloxía e o grao en Criminoloxía. A Universidade de Vigo incorpora o grao en Enxeñaría Biomédica e o campus de Ferrol potencia a súa oferta co grao en Xestión da Moda, primeiro grao bilingüe do Sistema Universitario Galego.

O quinto grao novo, o grao en Paisaxe, é tamén o primeiro de carácter interuniversitario, pois será impartido conxuntamente polas universidades de Santiago  e da Coruña.

Resulta notorio que coa posta en marcha desta titulación compartida se está abrindo un camiño de futuro, tan inédito e novidoso como prometedor para o conxunto do país.

A colaboración entre as tres universidades, que xa leva uns anos acumulando experiencia no ámbito dos mestrados e dos programas de doutoramento, amplíase agora e chega ás titulacións de grao. Establécense sinerxias, aprovéitanse recursos e refórzase a calidade e a coherencia do sistema universitario. Sen dúbida ningunha, un significativo paso adiante.

Estou certo de que a creación do Consorcio Interuniversitario de Galicia este mesmo ano axudará a fortalecer esa cooperación.

Con altura de miras, os ex reitores Barja, Armesto (da Coruña), Mato (de Vigo), Casares e Viaño (de Santiago), presentes hoxe no Paraninfo, traballaron con ese espírito, do mesmo xeito que o fixera o recentemente desaparecido profesor Meilán, reitor da UDC durante trece anos.

Por tanto, estamos diante dun novo froito da liña de cooperación leal que vimos seguindo as universidades galegas e a Xunta de Galicia.

Unha liña eficiente e beneficiosa para consolidar o mapa de titulacións e para enfrontar o financiamento imprescindible para contar coas universidades de calidade que os tempos reclaman e que a sociedade precisa. Os recursos económicos, materiais e humanos han de se corresponder co nivel das esixencias da sociedade e das responsabilidades que nos competen. Entre outras cousas porque o contorno é globalizado e moi competitivo.

Porque esta é a cuestión. As universidades públicas de Galicia están comprometidas en manterse en constante proceso de evolución e de adaptación aos retos e aos fondos cambios sociais e económicos característicos das dúas primeiras décadas deste século XXI.

A estratexia de especialización tamén forma parte desa necesaria versatilidade dos campus, unha actitude compatible coa solidez e o rigor da súa esencial misión educativa e científica.

Trala experiencia positiva do Campus do Mar, das tres universidades e liderado pola de Vigo, e do Campus Vida, en Compostela, a especialización leva a reconfigurar o de Ourense como Campus da Auga e o de Lugo como Campus Terra.

A Universidade de Vigo completa o seu deseño co Vigo Tecnolóxico e, en Pontevedra, co Campus Crea. Mentres, Compostela perfila o seu Campus da Cidadanía.

Pola nosa parte, o campus de Ferrol xa conta con plan estratéxico como Campus Industrial e o da Coruña co Campus Sustentabilidade, que presentamos hai unhas semanas, e axiña, co Campus Innova.

Ao se especializaren os campus poténciase o seu atractivo para o estudantado nacional e internacional e facilítase o traballo e a colaboración científica interdisciplinaria, así como a conexión co contorno socioprodutivo máis vinculado a cada un dos campus especializados.

Temos un sistema universitario sólido, moi ben posicionado, mesmo no contexto español como no internacional. Un sistema con capacidade tanto para formar profesionais altamente cualificados como para enfrontar os retos científicos e tecnolóxicos máis esixentes e competitivos no ámbito internacional.

A nosa vontade de cooperación inter-campus, coa Xunta, co Goberno central, cos concellos e coas deputacións pon nas mans da sociedade galega un instrumento fundamental para o seu futuro inmediato.  Para o seu progreso material e cultural.

As Universidades somos conscientes do noso papel fundamental no futuro do noso país. Coido que a sociedade debe tamén ser consciente do papel estatéxico das universidades para o seu progreso na economía do coñecemento e a innovación en que nos imos mergullando a pasos axigantados.

En consonancia con esta función nuclear, verdadeiramente estratéxica, a sociedade e as administracións públicas deberán calibrar moito o protagonismo que lle corresponde ás universidades e a achega dos recursos normativos, financieiros, materiais e humanos que precisan para desenvolver as súas funcións.

Precisamente a necesidade de facilitar o exercicio dese recoñecido papel esencial no progreso colectivo é o que leva á Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (a CRUE) a promover a elaboración dunha nova lei orgánica de universidades. Un marco legal máis realista e acorde coas necesidades actuais e coa autonomía e flexibilidade esixida para ensinar, investigar e innovar nun escenario aberto e complexo en que se suceden mutacións moi importantes en moi curtos espazos de tempo.

Co comezo do curso relánzanse tamén a actividade investigadora e todos os procesos de transferencia de coñecemento e de tecnoloxía.

As nosas universidades concentran a maior parte da I+D que se fai en Galicia (aproximadamente o 70%). Son verdadeiras factorías de talento, que ao tempo que forman profesionais para as responsabilidades máis cualificadas, xeran coñecemento e innovación mediante o traballo dos seus grupos de investigación.

Asistimos a cambios tecnolóxicos profundos en empresas e institucións de calquera ámbito. Cambios que demandan procesos innovadores en todos os ámbitos produtivos e de xestión e asesoramento, indistintamente da envergadura das empresas e das entidades. Cambios tamén nas mentalidades, nas necesidades colectivas, nos modos de vivir e de pensar.

Enfrontar estos retos demanda que vaian da man administracións públicas, organizacións sociais, empresas e centros de investigación e innovación. As universidades galegas estamos activamente implicadas e somos socios imprescindibles nas iniciativas que o noso tecido socioeconómico precisa. Penso agora, por exemplo, en modelos como as unidades mixtas de investigación, que tan bos resultados están a dar nos albores da industria 4.0, como é o Estaleiro 4.0 de Navantia, no que participa activamente a UDC.

Cómpre, pois, que todos os axentes concernidos sexamos quen de traballar en obxectivos comúns. Cadaquén desde o seu ámbito de competencias e intereses, si, pero con obxectivos comúns. Obxectivos que o son de medio e longo prazo e, daquela, requiren un consenso social e político que vai máis alá dos limitados prazos propios dos mandatos electorais.

Sabemos ben que a suma de recursos públicos e privados destinados á I+D+i en Galicia está por baixo da media española e está aínda moi lonxe da media europea (velaquí un claro obxectivo común).

A crise ocasionou un grave parón e mesmo un retroceso acusado nos ingresos das universidades españolas para a investigación. Un retroceso que a Conferencia de Reitores sitúa no 21% de recursos públicos e no 30% en recursos privados.

Reverter esta situación é tarefa prioritaria. É tarefa de país.

Nesa tarefa, colectiva e urxente no conxunto do estado, a sociedade galega conta coa fortaleza do seu sistema universitario e coa súa capacidade de traballo e de excelencia tanto presente como futura. As universidades do SUG asumimos, e asumiremos, cos correspondentes medios, todo o traballo e toda a responsabilidade que a sociedade queira depositar en nós.

No proceso de modernización e adaptación das universidades ás novas realidades (xeradas polas novas tecnoloxías e pola globalización, entre outras cousas), a Unión Europea promoveu a internacionalización dos campus.

As universidades galegas participan activamente nese proceso para incorporar talento, captar alumnado, mellorar a calidade do ensino e potenciar a participación dos grupos de investigación en proxectos e redes científicas internacionais.

Imos seguir nesa liña:

Potenciando a docencia en inglés e a formación do profesorado.

Conveniando con universidades estranxeiras o intercambio de profesorado e de alumnado e fomentando a mobilidade cos distintos programas existentes.

Ampliando a oferta de titulacións compartidas con universidades estranxeiras.

E impulsando a participación dos nosos investigadores en proxectos internacionais e en redes de cooperación.

As alianzas estratéxicas con universidades de prestixio doutros países teñen un efecto directo sobre o propio nivel de excelencia da docencia e da investigación, ao tempo que lles permiten aos campus galegos posicionarse na escena universitaria internacional cunha oferta atractiva e competitiva.

E non se esqueza, que a imaxe externa de Galicia tamén vai asociada ao prestixio académico e científico das súas universidades.

Sr. Presidente, hoxe fixamos un novo fito simbólico neste continuum da vida académica marcado polo arranque da cada curso. Non comezamos a traballar, senón que seguimos a traballar.

Os e as estudantes comezan unha nova etapa dos seus estudos e a Universidade pública, renova o seu compromiso para atender o dereito á educación superior dos seus cidadáns.

Facémolo conscientes das nosas responsabilidades e orgullosos da confianza que a sociedade, que sostén as institucións públicas cos seus recursos, deposita en nós.

E facémolo conscientes de que somos tamén punto de referencia para a conxunto da sociedade en valores sociais e culturais. Conscientes de que, no cumio do proceso educativo da nosa mocidade, compétenos procurar unha educación en valores.

Porque non só temos a obriga de preparar os profesionais altamente cualificados que o esixente e competitivo mundo moderno nos demanda (que si o facemos), senón tamén a de formar cidadáns libres e persoas con capacidade crítica, paixón polo rigor e capacidade para aprender sempre.

Forma parte dos nosos deberes traballar arreo nesa dirección, mentres procuramos os obxectivos docentes, científicos e de innovación que nos son propios.

Forma parte da nosa obriga inculcar a paixón polo saber, indistintamente de que este teña tradución inmediata ou mediata en servizos e bens produtivos ou de que nos enriqueza culturalmente como persoas, como sociedade ou como país.

Porque, como di no seu manifesto o filósofo Nuccio Ordine, non só é util para a sociedade o que produce ganancias, que o é. Útil é todo canto nos axuda a sermos mellores.

Máis nada pola miña parte. Moitas grazas”.

Publicado por: Gabinete de comunicación da UDC