A profesora da Facultade de Informática Nieves Brisaboa recibiu o Premio Nacional de Informática ‘Ángela Ruiz Robles’

Nota de prensa
6/11/19 12:05
  • Institucional

A Coruña, 6 de novembro de 2019.- A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Nieves R. Brisaboa, recolleu onte en Madrid o Premio Nacional de Informática “Ángela Ruíz Robles” que organiza a Sociedad Científica Informática de España e a Fundación BBVA.  

Ao acto de entrega do premio asistiron o reitor, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, e outros profesores deste centro.

O xurado do premio valorou o traballo de Brisaboa que “permitiu a creación da Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”.

En 1996 Nieves R. Brisaboa creou o Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, e hoxe en día os integrantes do devandito grupo son os encargados das materias de bases de datos do centro e todo o seu labor de investigación localízase na área da xestión de datos. Esta catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da universidade coruñesa obtivo o Premio Ángela Ruiz Robles por “os seus traballos de investigación e innovación relacionados coa xestión de datos, así como polas súas iniciativas nos campos da transferencia de coñecemento en relación con empresas e institucións públicas, ademais da creación de empresas de base tecnolóxica”, refire a acta do xurado.

“A área de xestión de datos fai  referencia a todo o relativo ao procesamento de datos: a súa adquisición, o almacenamento, a limpeza, a súa preparación para ser analizado, a súa explotación, a súa visualización... É unha área que estivo sempre omnipresente na informática”, explica a premiada á entidade organizadora. No seu laboratorio traballan tanto en investigación básica, onde desenvolven estruturas de datos e algoritmos eficientes para o seu procesamento, como en investigación aplicada, creando sistemas de información complexos como datos espazo-temporais.

“Estes son datos de obxectos que se moven, ou que representan mapas, ou datos multimedia”, aclara a investigadora.

Unha das aplicacións finais desenvolta polo seu laboratorio é a Biblioteca Virtual Galega, utilizada en colexios de toda Galicia, na que, segundo indica a propia R. Brisaboa, “poden verse textos de todos os autores, así como acceder a ficheiros multimedia nos que aparece o autor lendo a súa obra”.

Outro exemplo que está en uso é o sistema de información territorial da Deputación da Coruña, que desenvolven no seu laboratorio desde o ano 2000. Como explica a catedrática premiada: “Represéntanse todas as infraestruturas e equipamentos da provincia, e o nivel de detalle é enorme: podes ver o diámetro de cada condución de auga da provincia da Coruña”.

Comezou como mestra de Educación Especial tras estudar Psicoloxía, pero un xiro na súa carreira levouna a estudar unha Formación Profesional de Informática. Máis tarde, matriculouse na carreira de Informática na universidade onde agora dá clases: “Terminei na primeira promoción de estudantes que se formaron aquí. Ben está o que ben acaba”.

Brisaboa considera que este premio é un “recoñecemento enorme” á súa traxectoria profesional e á de todo o seu equipo, e sinala: “É de xustiza dicir que foi un premio para todo o meu laboratorio; en informática non se pode traballar en solitario”.

Máis información: https://www.fbbva.es/premios/premios-investigacion-sociedad-cientifica-informatica-espana-fundacion-bbva-2019/

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC