A Universidade da Coruña presenta a primeira guía de España sobre o alumnado universitario con TDAH

Nota de prensa
3/12/19 14:18
  • Institucional
  • A Unidade de Atención á Diversidade da Universidade da Coruña organiza hoxe unha Xornada sobre accesibilidade cognitiva
  • Crue Universidades Españolas pon en valor o traballo desenvolvido nas universidades na atención á diversidade con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

 

A Coruña, 3 de decembro de 2019.  A Unidade de Atención á Diversidade da Universidade da Coruña está a celebrar hoxe unha Xornada sobre accesibilidade cognitiva no transcurso da cal se presentou a primeira guía do alumnado universitario con TDAH elaborada pola UDC, a Fundación Ingada e a Fundación María José Jove.

O reitor, Julio Abalde, e o presidente da Fundación Ingada, Ángel Carracedo, presentaron na Facultade de Economía e Empresa a publicación “O alumnado con TDAH na universidade. Guía de Boas Prácticas”. Esta obra non pretende ser un tratado sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), senón unha guía de axuda, ademais de para o alumnado con TDAH para que o resto da comunidade universitaria coñeza os aspectos máis significativos deste trastorno.

Ao longo de cinco capítulos e cunha linguaxe sinxela, a Guía recolle consellos útiles para o profesorado, para as familias e para o alumnado con e sen TDAH. A guía está dispoñible nas páxinas webs da Universidade da Coruña, da Fundación Ingada e da Fundación María José Jove.

A xornada, que comezou ás 9:30 horas da mañá continuará con conferencias e obradoiros ao longo de todo o día. Esta xornada está organizada coincidindo hoxe co Día Internacional das persoas con Discapacidade. Por ese motivo, Crue Universidades Españolas vén de emitir un comunicado no que reivindican o labor desenvolvido nos servizos e unidades que traballan na atención á diversidade, á vez que difunden un vídeo cun decálogo de valores e principios que rexen aos profesionais universitarios que traballan na atención á diversidade, que conta coa participación de persoal da ADI da UDC

 

Comunicado de Crue Universidades Españolas

 

As universidades consolidan os seus servizos de apoio a persoas con discapacidade

Crue Universidades Españolas, con motivo do Día Internacional das persoas con discapacidade, quere poñer en valor o traballo da Rede de Servizos de Apoio a este colectivo nas Universidades (Rede SAPDU). Esta organización creouse hai unha década, en colaboración coa comisión sectorial Crue Asuntos Estudantís, coa fin de dar cumprimento aos mandatos internacionais e ás leis nacionais e universitarias en materia de discapacidade. Na actualidade, atende a máis de 22.000 persoas, un 125% máis que hai dez anos.

No décimo aniversario da Rede SAPDU, os profesionais que traballan nestes servizos aunaron nun decálogo os valores e principios que rexen na súa práctica diaria, que se basean na aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e na Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. Co hashtag #decalogoSAPDU, queren dar a coñecer estes valores e visibilizar a situación do estudantado con discapacidade.

Este código, tamén difundido en formato de vídeo (https://youtu.be/BjpSG4Ltlw4), establece os principios que comparten os servizos da Rede e achega un aceno de identidade acerca dos valores profesionais que se desenvolven nas universidades na atención á diversidade:

  1. Promoción da autonomía fronte ás condutas sobreprotectoras
  2. Intervención para a igualdade de oportunidades para todos e todas en todos os ámbitos nos que as persoas participan
  3. Poñer o valor na persoa como suxeito activo no seu proceso de ensino e aprendizaxe con dereitos e deberes
  4. Confidencialidade e privacidade atendendo ao disposto na lei de protección de datos
  5. Potenciar o traballo en rede en todos os ámbitos, dentro da universidade e cara a fóra, como parte do compromiso da universidade coa sociedade
  6. Promoción do deseño universal para a aprendizaxe creando contornas accesibles para todas as persoas
  7. Participación plena do estudante para facer visible a súa inclusión educativa
  8. Respecto pola diversidade en sentido amplo, incluíndo todos os colectivos
  9. Perspectiva de xénero nas accións, estratexias e propostas de intervención dos servizos de apoio das universidades
  10. Desenvolvemento das capacidades persoais para a procura de emprego e promoción da inclusión laboral

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC