A Universidade da Coruña organiza unha xornada informativa sobre as novas titulacións de grao do próximo curso 2019-2020

Nota de prensa
10/04/19 11:06
  • Institucional

A Coruña, 10 de abril de 2019.- A Universidade da Coruña organiza este xoves 11 de abril unha xornada informativa sobre as novas titulacións de grao que se impartirán por primeira vez o próximo curso 2019-2020 vinculadas ao Campus Innova e ao Campus Industrial.

Durante o evento, que dará comezo ás 18:00 horas e terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, ofrecerase información detallada sobre o Grao Dual de Enxeñaría Eléctrica, o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación e o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos.

Con esta sesión aberta, a Universidade da Coruña quere dar a coñecer en profundidade a nova oferta académica de grao ao futuro alumnado universitario e as súas familias, así como aos directores, orientadores e profesorado dos centros educativos de Galicia. Durante a xornada, os coordinadores dos catro graos informarán aos asistentes de todo o relacionado co plan de estudos, a súa metodoloxía, o perfil de acceso do alumnado, así como as saídas profesionais das titulacións.

A posta en marcha destes novos graos responde á firme aposta da Universidade da Coruña de impulsar decididamente un modelo universitario moderno no que a especialización lle permita un posicionamento máis reforzado no contexto nacional e internacional. Así, coa incorporación destas titulacións, a Universidade da Coruña presenta para o vindeiro curso académico un programa formativo amplo, innovador e ligado ás necesidades do mercado laboral.

O programa da xornada, que terá lugar no salón de actos da Escola, é o seguinte:

  • 18:00h Benvida
  • 18:15h Grao Dual de Enxeñería Eléctrica
  • 18:45h Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos
  • 19:15h Descanso
  • 19:30h Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación
  • 20:00h Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos
  • 20:30h Clausura

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC