A Universidade da Coruña implícase no fomento de vocacións científicas do alumnado de bacharelato con máis de 50 proxectos STEM

Nota de prensa
16/05/19 14:03
  • Institucional

A Coruña, 16 de maio de 2019.- A Universidade da Coruña, consciente da diminución de vocacións do alumnado de bacharelato polas áreas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) traballa desde setembro do pasado ano nun programa de actividades de promoción destas áreas en centros educativos galegos, nos que participan quince institutos.

O principio metodolóxico deste bacharelato é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Neste sentido, a UDC oferta máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente a Universidade da Coruña.

Así, os alumnos galegos matriculados neste bacharelato poderán desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, investigando o exemplo do Titanic; a mellora da mobilidade viaria da cidade, a realización dunha tarefa real cun robot autónomo que requira intelixencia artificial, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outros. Ademais, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos.

Así mesmo, a UDC apoia tamén esta nova opción formativa ofrecendo visitas as súas facultades e centros de investigación, xornadas, talleres, así como seminarios, relacionados coas materias STEM. Deste xeito, neste curso recibiuse a visita dos centros IES Agra do Orzán, IES María Casares, IES Ramón Mª Aller Uloa, IES Francisco Daviña Rey e IES Arcebispo Xelmírez II.

Para facilitar esta coordinación cos quince centros galegos que imparten o STEMbach, no pasado mes de marzo a Universidade da Coruña lanzou unha páxina web (www.udc.gal/stembach) dedicada a este novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Nela, ademais de información de interese, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación e as actividades complementarias de formación ofertados. Unha iniciativa, polo tanto, aliñada coa finalidade deste novo bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, que busca a conexión directa co ensino universitario.

Con todas estas accións, a Universidade da Coruña está a mostrar o seu firme apoio a esta nova opción formativa que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á universidade.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC