A Universidade da Coruña, a través do CITIC, e o Instituto Tecnológico de Galicia impulsan unha alianza investigadora estratéxica no ámbito TIC

Nota de prensa
10/07/19 13:26
  • Institucional

A Coruña, 10 de xullo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o director Xeral do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio estratéxico que consolida á cidade da Coruña como o epicentro da I+D+i no ámbito TIC do noroeste español, como sinalaron tanto o reitor como o director Xeral no acto de firma do acordo.

A Universidade da Coruña, a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e o ITG colaborarán para potenciar os resultados de investigación e a transferencia de coñecemento a empresas e institucións do contorno, segundo destacou o director do CITIC, o profesor Manuel González Penedo. Ambas as dúas entidades, referentes autonómicos nos seus ámbitos de actividade, impulsan desta forma unha alianza investigadora que vén a constatar o liderado da área da Coruña en I+D+i no ámbito das tecnoloxías vinculadas á transformación dixital, a información e as comunicacións.

O acordo asinado esta mañá contempla, entre outras, actuacións para a cooperación en actividades de investigación e desenvolvemento, a identificación de oportunidades internacionais, o intercambio de coñecemento e boas prácticas e a potenciación dunha maior transferencia tecnolóxica e de resultados á industria e á sociedade en xeral. Así, o obxectivo desta alianza é impulsar a competitividade de empresas e organizacións de Galicia, e constitúese á vez cunha clara vocación internacional grazas á participación de ambos os dous centros, CITIC e ITG, en redes europeas e a súa demostrada xeración de coñecemento e a captación de recursos internacionais. As dúas entidades, Universidade e Instituto Tecnológico aúnan capacidade, excelencia, vangarda, prestixio e solvencia.

 

CITIC e ITG: unión de capacidades, experiencia e prestixio

O CITIC, acreditado como Centro de Investigación Singular pola Xunta de Galicia, é un referente autonómico en I+D+i relacionado coa intelixencia artificial, big data, robótica, computación de altas prestacións e redes intelixentes, entre outros. Composto por máis de 200 investigadores de referencia a nivel internacional, cabe destacar que un deles posúe unha bolsa “Starting Grant” do Consello Europeo de Investigación (ERC), un dos programas de financiamento máis importantes da Unión Europea, que se convertiu nun indicador de prestixio e excelencia investigadora para as institucións que o posúen.

Por outro lado, nos seus máis de 25 años desenvolvendo investigación aplicada, ITG convertiuse nun aliado tecnolóxico para as empresas. En 2018, prestou servizos profesionais a 260 clientes no ámbito da industria 4.0, internet das cousas (IoT), big data, sistemas intelixentes non tripulados, realidade aumentada e intelixencia artificial. Recoñecido oficialmente como Centro Tecnológico Nacional, o seu director Xeral Carlos Calvo preside desde o ano 2015 a Federación Española de Centros Tecnológicos de España (FEDIT), un colectivo de 31 centros tecnolóxicos e 4.000 investigadores cunha facturación conxunta de 272 millóns de euros.

Ambas as dúas entidades suman máis de 15 proxectos internacionais e manteñen relacións comerciais e de colaboración en 17 países. Ademais, contan con múltiples recoñecementos internacionais de institucións como a ONU, a OCDE e a UE, que consolidan o seu prestixio.

 

Sobre o CITIC

 

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibiu o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

 

Sobre ITG

O Instituto Tecnológico de Galicia (ITG) é unha fundación privada sen ánimo de lucro que, desde 1991 ten como obxectivo mellorar a capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais a través da I+D+i e tecnoloxía diferencial. Recoñecido oficialmente como Centro Tecnológico Nacional. O seu director Xeral, Carlos Calvo, preside a Federación Española de Centros Tecnológicos de España (FEDIT) desde o ano 2015. A internet das cousas (IoT), bigdata, industria 4.0, sistemas intelixentes non tripulados, realidade aumentada ou intelixencia artificial son as ferramentas de traballo de ITG nos sectores industrial, enerxético, ciclo da agua, medio ambiental e de edificación, onde é o organismo certificador en España do selo internacional BREEAM® de construción sustentable, e formador oficial do selo internacional WELL™ de saúde nos edificios.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC