A UDC únese á CRTVG na campaña #CorazónDeInvestigadora para inspirar nas nenas vocacións científicas

Nota de prensa
14/11/18 13:26
  • Institucional

A Coruña, 14 de novembro de 2018.- A Universidade da Coruña únese á campaña promovida e desenvolvida pola CRTVG #CorazónDeInvestigadora con motivo da Semana Internacional da Ciencia e a Paz da ONU. Esta iniciativa, na que colaboran as tres universidades galegas, quere contribuír a espertar vocacións científicas entre as mozas e as nenas galegas, visibilizando os perfís de doce mulleres dos eidos tecnolóxicos e científicos galegos, coñecidos internacionalmente como STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths).

A acción de comunicación conta cun anuncio principal para televisión onde 12 investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?”. Por parte da UDC participan Luz Paz Agras, Doutora Arquitecta; Marga Novales, Doutora Enxeñeira en Camiños, Canais e Portos; Susana Ladra, Doutora Enxeñeira en Informática; e Lucía Santiago, Enxeñeira Naval e Oceánica e doutoranda na UDC.

Os vídeos poden verse en http://ww2.crtvg.es/rsc/ciencia/

Luz Paz Agras.

Doutora Arquitecta pola Universidade da Coruña e Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC. Desde o ano 2004 desenvolve traballos no ámbito da arquitectura, o urbanismo e o comisariado de exposicións, polos que recibiu recoñecementos nacionais e internacionais. Forma parte tamén do thinktank Cadelasverdes. É profesora do Departamento de Composición e forma parte do Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio [GICAP]. Mantén liñas de investigación interdisciplinares como a interacción entre Arte e Arquitectura ou o estudo e estratexias de intervención no Patrimonio Moderno. Tamén é autora do libro Explorar os límites. Arte e arquitectura nas exposicións das vangardas.

Marga Novales

Doutora Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Mantén liñas de traballo e investigación en sistemas ferroviarios de transporte metropolitano, metro lixeiro, tranvitrén e tren-tranvía, mobilidade sostible, autobús de alto nivel de servizo, dinámica ferroviaria, aparatos de vía, vía sen balasto, ferrocarril e porto. É unha das referencias europeas na materia, onde é coautora de máis dunha ducia de libros e decenas de artigos e conferencias ademais de desenvolvedora de patentes.

Susana Ladra

Doutora en Informática da Universidade da Coruña e Coordinadora do campus Innova da UDC. Susana é experta en algoritmos para mellorar as buscas de información en Internet. As súas liñas de investigación desenvólvense na contorna da compresión de datos, a análise de algoritmos e estruturas de datos para bioinformática, bases de datos, minería de datos e recuperación de información. Traballa tamén desde 2016 no proxecto VELOCITY: Procesado Eficiente de Big Data Espacio-temporal para Flatcity Friendly barrierLess AdapTable City, que é o desenvolvemento da tecnoloxía que permitirá a calquera cidade intelixente a creación dun asistente para a mobilidade adaptado ás limitacións de accesibilidade específicas de cada usuario e a publicación e reutilización sinxela da información estática e dinámica da cidade que afecte a mobilidade.

Lucía Santiago

Enxeñeira Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña, e doutoranda de Enxeñeira Naval e Oceánica. En 2015 incorpórase ao Grupo Integrado de Enxeñería e desde entón colabora na realización de múltiples proxectos de I+D relacionados co sector naval. Na actualidade atópase realizando a tese de doutoramento sobre o Estudo e desenvolvemento dun sistema de avaliación da estabilidade dos pesqueiros para previr a zozobra durante a navegación. As súas especialidades son o estudo do comportamento do buque, a monitorización da estabilidade en tempo real e os sistemas de sensorización, medida e ensaios con modelos a escala.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC