A UDC súmase ao proxecto Inspira STEAM para fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre alumnas de Primaria en colexios da provincia coruñesa

Nota de prensa
23/01/20 14:33
  • Institucional

A Coruña, 23 de xaneiro de 2020.- A Universidade da Coruña, a través dos seus campus de especialización Innova, Sustentabilidade e Industrial, coa colaboración do CITIC, lanza o nodo Inspira STEAM A Coruña, un proxecto pioneiro co que se pretende fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas mediante a técnica do mentoring grupal.

O programa baséase en accións de sensibilización e de orientación dirixidas a estudantes de Primaria e impartidas por mulleres profesionais do mundo da ciencia e a tecnoloxía. Trátase da primeira vez que se utiliza a técnica de mentoring grupal nun proxecto de fomento das STEAM (Science,Technology, Engineering, Arts and Maths) entre estudantes de primaria.

A iniciativa Inspira STEAM nace hai tres anos na Universidade de Deusto como un proxecto de responsabilidade social e voluntariado. A primeira edición desenvolveuse en 2016. Do País Vasco deu o salto a Cataluña, Madrid, Andalucía, Asturias, Pontevedra e agora na provincia da Coruña da man da Universidade da Coruña.

En total, serán quince as mentoras que participen nesta primeira edición do nodo da provincia da Coruña. Mulleres científicas e tecnólogas dos campos da enxeñaría informática, enxeñaría industrial, arquitectura, bioloxía, ciencias, enxeñaría de camiños e matemáticas, que desenvolven a súa actividade profesional en diferentes ámbitos: académico, empresas de xenómica, de videoxogos, de enxeñaría e de arquitectura, incluíndo tamén á directora da Domus e a unha mentora pertencente ao Servizo Galego de Saúde.

 

As mentoras traballarán coas mozas ao longo de seis sesións, onde se tratarán temas como os estereotipos que nos rodean, as profesións STEAM ou mulleres e ciencia ao longo da historia, para axudarlles a disipar dúbidas e obxeccións sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o seu camiño profesional.

Inspira STEAM nace da necesidade de promover vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado e da urxencia de facelo entre as mozas. O número de estudantes que optan por unha formación en tecnoloxía decrece cada ano. A pesar de que o 54,3% do total de estudantes do Sistema Universitario Español son mulleres, a súa presenza nas titulacións técnicas como Enxeñería e Arquitectura decae ao 26,4%.

Os obxectivos do proxecto son facilitar novos referentes de mulleres tecnólogas próximas, descubrir as profesións STEAM, concienciar sobre a necesidade de que o desenvolvemento do país se produza entre homes e mulleres, sensibilizar e orientar sobre a carreira en tecnoloxía, visibilizar e poñer en valor ás mulleres tecnólogas e dar a coñecer os estereotipos existentes para que non condicionen a elección de estudos.

A Universidade da Coruña ponse á disposición dos colexios interesados para organizar as sesións en función das inscricións a este programa Inspira STEAM.

 

Máis información:  www.inspirasteam.net  / @MujerTekSpace

 

Foto: Imaxe de grupo das mentoras do proxecto Inspira STEAM A Coruña

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC