A Facultade de Socioloxía, implicada na creación dunha aula libre no LERD para a realización de actividades culturais do estudantado

Nota de prensa
16/05/19 13:22
  • Institucional

A Coruña, 16 de maio de 2019.- A Facultade de Socioloxía, a Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña colaboran na instalación dunha “Aula Libre” para a realización de actividades culturais, especialmente aquelas que sexan iniciativa do estudantado. Esa “aula” que terá forma de cabana foi deseñada polo arquitecto Santiago Cirugeda e forma parte do proxecto “Recetas Urbanas” (enlace para máis información). Será colocada no edificio LERD do Campus de Elviña. O seu obxectivo é crear conciencia sobre o papel activo que ten a cidadanía para intervir e alterar calquera contorna urbana dada, alentando as discusións sobre o uso e a propiedade do espazo público. O material de construcción é reciclado, de segunda man e reutilizado.

O interesante deste proceso, segundo destacan desde a Facultade, é que a “Aula” será construída de maneira colectiva pola comunidade universitaria (estudantes, docentes, persoal de xestión e servizos...), Cirugeda e o seu equipo técnico (composto por arquitectos/as e enxeñeiros/as). Por iso, faise unha chamada a voluntarios/as que queiran implicarse nesta experiencia. A instalación terá lugar durante o período 27 de maio e 5 de xuño. Para formar parte deste proceso só hai que cubrir un formulario (enlace ao formulario).

Organizaranse os grupos de traballo en función do número de persoas inscritas e da súa implicación: unha mañá, unha tarde, varios ou todos os días… Desde a Facultade de Socioloxía xa colaboraron con este arquitecto na construción do Centro Comunitario Cañada Real e valoran esa colaboración como unha vivencia “clave” na súa traxectoria vital. O decanato de Socioloxía espera que esta “aula” se converta nun símbolo da Universidade como Campus especializado na Sustentabilidade e tamén como un icono que mostre a cohesión da comunidade universitaria.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC