Código ético da investigación da UDC [UDC Ethical Code of Research]

(versión aprobada polo CEID-UDC o 15/11/2018 e polo Consello de Goberno da UDC o 27/02/2019)

A investigación é o intento de descubrir e coñecer a realidade mediante a explicación e a comprensión dos fenómenos naturais e sociais. Investigar é, ademais, unha actividade cooperativa establecida socialmente para perseguir o coñecemento, que é o ben que lle dá sentido e lexitimidade, e que está acompañado por outros bens específicos en cada rama ou área de investigación: saúde, xustiza, eficiencia.

Xunto a este ben primario, o persoal investigador pode e adoita perseguir lexitimamente outros bens externos ou secundarios, que son consecuencia da procura ou obtención do coñecemento: ingresos dignos, recoñecemento, prestixio e progreso profesional.

Investigar é un trazo distintivo da tarefa universitaria, que forma parte das funcións básicas da UDC: crear, desenvolver, transmitir e avaliar criticamente a ciencia, a técnica e a cultura; preparar para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos; ou difundir e transferir coñecemento ao servizo da cultura, a calidade de vida e o desenvolvemento económico.

En consecuencia, a UDC debe promover a investigación, establecer as condicións persoais, materiais e institucionais que aseguren a súa calidade e contribuír a consolidar unha cultura ética en todos os aspectos da actividade investigadora.

A integridade científica podería ser o valor, o principio ou a virtude que sintetice o comportamento dun/unha investigador/a responsable. Non obstante, convén desenvolver o seu significado a través dunha serie de valores e principios que integran o Código ético da investigación da UDC.

Descarga o Código ético da investigación da UDC [UDC Research Code of Ethics]