#ConversacoaUDC

#ConversacoaUDC

A Unidade de Divulgación Científica e Radio Coruña Cadena SER presentan o proxecto #ConversacoaUDC, unha iniciativa para divulgar entre o público en xeral as actividades investigadoras da universidade.

En formato de pequenos parladoiros ao redor dun café, diferentes investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña darán a coñecer a súa actividade nunha linguaxe non especializada para espertar a curiosidade científica, compartir a súa paixón polo coñecemento e as colaboracións con outros/as científicos/as, expoñendo as actividades realizadas cos fondos que reciben.

Nese espazo queremos destacar a investigación, tanto nas ciencias experimentais como nas ciencias sociais e humanidades, para poñer en valor as vocacións pola docencia e a carreira investigadora.

Esta iniciativa ten previsto realizar catro charlas ao longo dos vindeiros tres meses, que terán lugar no café Santa Cruz, na rúa Padre Feijoo, nº 3 da Coruña.

O ciclo destas conversas comezou o xoves, día 10 de outubro, ás 19:30 h.

A docente Concepción Sánchez Blanco, da Facultade de Ciencias da Educación, abriu este ciclo e presentou a súa experiencia investigadora no campo das ciencias sociais onde traballa con nenos e nenas de curtas idades en contornos escolares. Indagou tamén sobre a relación desta actividade con aspectos vitais dos propios investigadores e investigadoras e os compromisos sociais que se adquiren nela. Reflexionou sobre a súa experiencia como coordinadora na UDC do proxecto Europeo Erasmus +: Interpreting Child-Centredness to Support Quality and Diversity in Early Childhood Education and Care, dirixido por Jan Georgeson e Verity Campbell-Barr.

A segunda conversa tivo lugar o xoves día 31 de outubro, a cargo do investigador Fernando Varela Puga, doutorando da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. Presentou a súa experiencia no proxecto HORVITAL, a ciencia da destrución: un estudo para coñecer o comportamento de materiais e estruturas como pontes en situacións límite a partir de experimentos que baterán récords de Europa e do mundo. É membro do laboratorio do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da UDC e neste proxecto, tamén da UDC, participan universidades de Baleares (UIB), Valencia (UPV) e Barcelona (neste caso a través da UPC que actúa como coordinadora).

A terceira conversa terá lugar o xoves día 21 de novembro, ás 19:30 h.

O docente Carlos Gómez Rodríguez, da Facultade de Informática e do CITIC, presenta a súa experiencia investigadora no campo interdisciplinar da informática, a lingüística e a intelixencia artificial coa súa conversa titulada Máquinas que entenden o noso idioma. Indagará sobre a procura para que as máquinas poidan comprender e utilizar as linguas humanas, concretamente os desafíos que na actualidade existen nesta área de investigación e presentará os logros do proxecto FASTPARSE, en que se conseguiu, por exemplo, realizar neste ano os analizadores sintácticos máis rápidos e precisos que existen na actualidade.

A vindeira conversa será o vindeiro xoves día 12 de decembro.

A presentación do proxecto en Radio Coruña Cadena Ser pódese consultar aquí, e ver a última conversa nesta ligazón.