Procedemento para a emisión e reconto de votos para a obtención da mención "cum laude"

A Comisión Permanente do Comité de Dirección da Escola Internacional de Doutoramento da UDC, na súa sesión do 24 de xaneiro de 2017, acordou aprobar o Procedemento para a emisión e reconto do voto segredo dos membros do tribunal de tese para a concesión da mención cum laude.

Segundo o artigo 14.7 do Real decreto 99/2011, “o tribunal emitirá un informe e a cualificación global concedida á tese de acordo coa seguinte escala: Non apto, aprobado, notable e sobresaliente. O tribunal poderá outorgar a mención cum laude se a cualificación global é de sobresaliente e se emite en tal sentido o voto segredo positivo por unanimidade. A Universidade habilitará os mecanismos precisos para a materialización da concesión final de dita mención garantindo que o escrutinio dos votos para dita concesión se realice en sesión diferente da correspondente á de defensa da tese de doutoramento.”

De acordo co artigo 38 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, “a escola de doutoramento regulamentará o procedemento para a materialización da concesión final da devandita mención en sesión diferente da correspondente á da defensa da tese”.

Segundo o apartado 6 do artigo 9 do Regulamento de Réxime Interno da Escola Internacional de Doutoramento da UDC, correspóndelle á Comisión Permanente do Comité de Dirección “establecer o procedemento para a concesión da mención cum laude”.

Así, para dar cumprimento á citada normativa, establécese o seguinte:

PROCEDEMENTO PARA A EMISIÓN E O RECONTO DO VOTO SEGREDO DOS MEMBROS DO TRIBUNAL DE TESE PARA A CONCESIÓN DA MENCIÓN CUM LAUDE.

Sesión do tribunal para a emisión do voto segredo para a concesión da mención cum laude. Finalizada a sesión de cualificación da tese de doutoramento, o tribunal dará comezo á sesión para a emisión do voto segredo para a concesión da mención cum laude.

Compromiso de confidencialidade do voto. Os membros do tribunal deberán ter en conta que, na Acta de constitución do tribunal e cualificación da tese, declaran coñecer e comprender o Procedemento para a concesión da mención cum laude (Comisión Permanente do 24/01/2017), polo que se comprometen a manter o carácter segredo do voto e a non realizar manifestación algunha sobre a súa valoración respecto á mención cum laude.

Emisión do voto segredo. Os membros do tribunal disporán dun formulario co seguinte enunciado: “Propoño a concesión da mención cum laude” e dúas posibilidades de resposta: “Si” ou “Non”.

De forma secreta, elixirán unha das respostas e introducirán o formulario nun sobre sen ningún tipo de identificación.

O/a secretario/a do tribunal gardará todos os sobres cos seus respectivos formularios noutro sobre que terá o epígrafe “mención cum laude”.

Unha vez pechado o citado sobre, asinarán na súa solapa todos os membros do tribunal.

Os sobres e formularios serán facilitados co conxunto da documentación para o tribunal.

En cumprimento do artigo 14.7 do Real decreto 99/2011, que establece o carácter segredo do voto para a mención cum laude, ningún membro do tribunal poderá realizar en ningún caso manifestación algunha sobre a súa valoración respecto á mención cum laude.

Traslado da documentación da votación á Escola Internacional de Doutoramento. O/a presidente/a ou secretario/a do tribunal ou profesor/a da UDC designado/a trasladará en persoa este sobre á Sección de Estudos de Doutoramento xunto co resto da documentación do acto de defensa da tese. No caso das teses defendidas no Campus de Ferrol, a documentación completa da defensa da tese poderá entregarse no rexistro do Campus de Ferrol, que a remitirá á Sección de Estudos de Doutoramento.

Se un dos membros da comisión participa por videoconferencia, enviará igualmente o formulario coa resposta elixida e dentro do seu sobre sen ningún tipo de identificación á Sección de Estudos de Doutoramento. Para estos efectos, o membro do tribunal participante por videoconferencia recibirá por correo o formulario para o voto, o sobre onde incluír o dito formulario e o sobre externo co enderezo postal da Sección.

Escrutinio dos votos segredos. Unha vez recibidos na Escola Internacional de Doutoramento da UDC os sobres cos votos segredos de todos os membros do tribunal, procederase á sesión de escrutinio en presenza de, polo menos:

a) O/A presidente/a ou secretario/a do tribunal da tese ou o/a profesor/a da UDC designado/a. No caso das teses defendidas no Campus de Ferrol, o/a representante do tribunal poderá ser substituído/a polo/a director/a ou secretario/a da Escola Internacional de Doutoramento da UDC.

b) O/A xefe/a de Sección de Estudos de Doutoramento ou persoa da sección en quen delegue.

Acta do escrutinio dos votos segredos. Realizado o escrutinio dos votos, procederase á elaboración da acta correspondente, de acordo co modelo facilitado pola Escola Internacional de Doutoramento. Esta acta será asinada polo/a representante do tribunal e polo/a xefe/a da Sección de Estudos de Doutoramento ou persoa da sección en quen delegue. Este documento asinado constituirá un anexo á Acta de Cualificación da tese de doutoramento.

Comunicación do resultado do escrutinio dos votos segredos. A Sección de Estudos de Doutoramento comunicará o resultado do escrutinio á UADI do centro de adscrición do programa de doutoramento, que, a súa vez, encargarase de facer público e comunicar ao/á doutorando/a e aos demais membros do tribunal o resultado do escrutinio.