Obtención de certificados

  1. Que tipo de certificados académicos podense solicitar?
  2. Como podo solicitar un certificado académico?
  3. Podo autorizar a outra persoa a que me represente nas xestións administrativas relacionadas cos estudos de doutoramento, incluíndo a recollida de certificados e títulos?

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

1. Que tipo de certificados académicos se poden solicitar?

Pódense solicitar, entre outras, as seguintes certificacións:

  • Certificado do expediente académico onde consten os estudos de doutoramento realizados (para o alumnado).
  • Certificado de estar matriculado no curso académico en estudos de doutoramento (para o alumnado).
  • Certificado da dirección de teses de doutoramento (para o/a director/a da tese).
2. Como podo solicitar un certificado académico?

Pode solicitarse a certificación na propia Oficina de Doutoramento (Sección de Estudos de Doutoramento) de modo presencial ou ben a través do correo electrónico oficina.doutoramento@udc.es. En calquera caso, deberá indicar na solicitude:

  • A certificación que solicita
  • Os datos persoais do solicitante (nome e apelidos, documento de identificación e teléfono).

A Oficina de Doutoramento informará ao/á interesado de todo o procedemento. Para este fin, facilitará a folla de liquidación de prezos públicos por expedición da certificación académica. O importe deberá aboarse nalgunha das entidades bancarias recollidas nesta folla.

Non é posible realizar o pagamento mediante transferencia bancaria, salvo que se encontre fóra de España. Neste caso, indíqueo e explicaráselle como proceder para o pagamento.

Os certificados recolleranse na Oficina de Doutoramento ou, tras a solicitude motivada do/a interesado/a, remitirase por correo postal.

3. Podo autorizar a outra persoa a que me represente nas xestións administrativas relacionadas cos estudos de doutoramento, incluíndo a recollida de certificados e títulos?

Para autorizar a outra persoa como representante para a realización de xestións administrativas ou a recollida de certificados no centro, débese elaborar un documento no que se faga constar que a persoa representada delega a xestión administrativa relacionada cos estudos de doutoramento na persoa representante, detallando para ambasas dúas persoas os seguintes datos: nome e apelidos e número do documento de identificación. Este documento deberá ter unha data de formalización e estar asinado pola persoa representada. Ademais, a persoa representada facilitará copia do seu documento de identificación á persoa representante, que deberá acreditarse presentando no momento da xestión administrativa o orixinal do seu documento de identificación.

Para a entrega nos centros dos títulos universitarios oficiais seguirase calquera dos seguintes procedementos:

1. O título poderá ser retirado persoalmente polo/a interesado/a no centro no que solicitou a expedición, debendo acreditar, en todo caso, a súa identidade mediante exhibición do documento de identidade en vigor.

2. No suposto de que non lle fora posible facelo persoalmente, o/a interesado/a poderá autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial, para que o retire no seu nome. A persoa autorizada debe achegar copia simple do poder notarial, que será cotexada pola persoa encargada do rexistro e incluída no expediente, devolvéndose o poder á persoa autorizada no momento de facer entrega do título.

3. Os/as interesados/as que residan en localidades distintas do centro no que realizaron os seus estudos poderán solicitar, mediante instancia dirixida ao Reitor, a remisión do título á Oficina de Educación (Delegacións do Goberno ou Subdelegacións do Goberno) ou Oficina Consular máis próxima ao seu lugar de residencia. Unha vez no lugar de destino, poderá recollelo o/a interesado/a previa identificación.