Acceso aos estudos de doutoramento

  1. A que programas de doutoramento se pode acceder actualmente?
  2. Que requisitos son necesarios para ter acceso aos estudos de doutoramento?

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

1. A que programas de doutoramento se pode acceder actualmente?

Aos programas regulados polo RD 99/2011 que forman parte da oferta da UDC.

2. Que requisitos son necesarios para ter acceso aos estudos de doutoramento?

De acordo co Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC , son requisitos de acceso a un programa de doutoramento os seguintes:
1. Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de mestrado universitario.

2. Así mesmo, poderá acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:

a. Estar en posesión dun título universitario oficial español, ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior, que habilite para o acceso a mestrado de acordo co establecido no artigo 16 do RD 1393/2007 e superar un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60, terán que ser de nivel de mestrado.

b. Estar en posesión dun título oficial español de graduado ou graduada, cuxa duración, conforme a normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. Os devanditos titulados deberán cursar con carácter obrigatorio os complementos de formación requiridos polo programa, agás que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes de estudos de mestrado.

c. Os titulados universitarios que, logo da obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en ciencias da saúde.

d. Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, logo de que a universidade comprobe que este acredita un nivel de formación equivalente á do título oficial español de mestrado universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento para outros efectos que o do acceso a ensinanzas de doutoramento.

e. Estar en posesión doutro título español de doutor/a obtido conforme a anteriores ordenacións universitarias.

3. Os/as doutorandos/as que iniciasen o seu programa de doutoramento conforme a anteriores ordenacións universitarias, poderán acceder ás ensinanzas de doutoramento, logo da súa admisión de acordo co establecido no Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC. En todo caso deberán reunir os requisitos establecidos con carácter xeral neste regulamento para acceso a estudos de doutoramento.

4. Poderán acceder aos estudos de doutoramento as persoas licenciadas, arquitectos/as ou enxeñeiros/as que estean en posesión do diploma de estudos avanzados obtido de acordo co disposto no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, ou alcanzasen a suficiencia investigadora regulada no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro.

5. Poderán acceder aos estudos de doutoramento as persoas licenciadas, arquitectos/as ou enxeñeiros/as que estean en posesión dun título de mestrado oficial conforme ao Real decreto 56/2005 ou do Real decreto 1393/2007, modificado polo Real decreto 861/2010 ou superasen 60 ECTS de estudios de mestrado oficial.

6. Tamén poderán acceder aos estudos de doutoramento as persoas con titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007 para as que se fará unha equivalencia de 60 créditos ECTS de nivel mestrado de conformidade coas seguintes regras:

a) Un curso académico completo dun título universitario oficial español regulado por unha ordenación anterior ao RD 1393/2007 será considerado equivalente a 60 ECTS.

b) No caso de ter cursada e superada unha titulación oficial española organizada en dous ciclos (primeiro e segundo ciclo) que, de acordo co apartado anterior, sexa equivalente a un mínimo de 300 ECTS, considerarase que 60 ECTS do segundo ciclo son de nivel de mestrado.

c) No caso de ter cursada e superada unha titulación de segundo ciclo que non constitúa continuación directa dun correlativo primeiro ciclo, e que o conxunto de créditos cursados e superados de primeiro e segundo ciclo sexa equivalente a un mínimo de 300 ECTS, considerarase que 60 ECTS do segundo ciclo son de nivel de mestrado.

d) Este recoñecemento de 60 ECTS de segundo ciclo como de nivel de mestrado referido nas liñas b) e c) só terá validez para os efectos de satisfacer os requisitos de acceso aos estudos de doutoramento da UDC, sen que supoña a adquisición de dereito ningún sobre o título de mestrado universitario.

e) Todo o anterior se entende sen prexuízo do disposto no artigo 16 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da Universidade da Coruña no relativo a requisitos e criterios adicionais de admisión que poida establecer a Comisión Académica dun Programa de Doutoramento concreto, así como, se é o caso, o establecemento de complementos de formación específicos, tal e como se recolle no artigo 7 do RD 99/2011.

7. Tamén poderán acceder as persoas diplomadas, enxeñeiros/as técnicos/as ou arquitectos/as técnicos/as que acrediten ter superados 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60, terán que ser de nivel de mestrado.

8. Estar en posesión dun título universitario oficial que teña obtido a correspondencia ao nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para Educación Superior (MECES), de acordo co procedemento establecido no Real decreto 967/2014 di 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a convalidación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveles do MECES dos títulos oficiais de Arquitecto/a, Enxeñeiro/a, Licenciado/a, Arquitecto/a Técnico/a, Enxeñeiro/a e Diplomado/a.