Sensibilización

Inicio

 feed
twitter |  facebook

 

 Sensibilización

 

Sendo un alicerce fundamental no tratamento desta problemática o aspecto cognitivo ou intelectual, este preséntase insuficiente se non vai acompañado da súa dimensión ética. A adquisición dunha actitude de solidariedade ben entendida require dun cambio no comportamento individual e colectivo que nos lembre que as nosas decisións afectan ás nosas vidas e tamén ás dos demais. Os cidadáns temos poder e capacidade para influír no desenvolvemento solidario deste mundo e habemos de usalo coa responsabilidade que esixe unha sociedade global.

Xerar unha conciencia crítica resulta imprescindible no labor de formación dunha persoa responsable e activa, comprometida coa solidariedade e a corresponsabilidade. A formación integral que ha de fomentar o ámbito universitario non pode deixar de lado este aspecto ético dun profesional integrado nunha sociedade que lle ha de reclamar unha acción participativa na atención desas demandas e necesidades dun mundo no que a fronteira norte-sur debe desaparecer.

Facilitar a comprensión das relacións que existen entre as nosas vidas e as doutras sociedades, aumentar o coñecemento desas realidades, que non están tan afastadas, resulta unha vía imprescindible para fomentar a participación nas necesarias propostas de cambio e novas estratexias que require o problema do desenvolvemento humano e o dereito ao hábitat.

Este labor de sensibilización do profesional en formación e da sociedade en que se insire o seu labor ten cabida nas referencias Académica e de Difusión, onde se aloxan contidos referidos ao coñecemento das realidades que han de profundar no desenvolvemento desas actitudes e destrezas de transformación.

 

Imaxe por John Morgan