Exposición EXIT. Camiñando coa pintura e poesía_ARTencontros

Do 13 de febreiro ao 28 de marzo de 2019

Relampos de beleza

Un privilexio estar aquí. Coas palabras. As palabras dos poemas que quixeron tocar a pel e acaso dentro sentir o abeiro doutros sangues, o fluxo e refluxo doutras mareas. A palabra poética procura sempre ese contacto, esa cómplice intimidade.

Porén, aconteceu o inesperado: foron as súas mans: as de Ana Alonso, Bego Tojo, Begoña Pastoriza, Gosia Trebacz, José Fonticoba, Lola García Saavedra, Luísa Valdés, Malena Carballo e Rosa Catoira, as que apalpando ritmos foron dar con cada sílaba, con cada silencio, con cada oco, con cada ferida, para que todo iso existise xa a transformarse noutra forma de vida, a da súa arte.

E así entraron elas, as mans que procuran, a desentrañar un corpo noutro corpo. E saían con achados trementes, con soles e océanos tan íntimos que se quebraban na intemperie do papel en branco, mais deixando xa constancia desa loita inacabable por dar forma ao que fica agochado como semente, latexante.

Resulta moi doado sentirse atinxida por todas e cada unha destas obras porque de inmediato nos sabemos ante ese impulso do que nace toda creación auténtica. Un vigor que se desprega en debuxo e cor e collage e incisións e fotografía, en fiestras ao infinito.

Visitei o obradoiro que no formidable espazo de Normal dirixiu con sabedoría, paixón e saber facer a extraordinaria e recoñecida artista Gosia Trebacz. Un talento xeneroso e rompedor que soubo propiciar, en absoluta liberdade, o traballo das súas alumnas e alumno, tanto de maneira individual como colectiva. Fiquei conmovida ao coñecer a estas persoas capaces de crear un ambiente tan cordial como inspirador e, asemade, realizar tan orixinais e abraiantes obras artísticas. Fico en débeda polos agasallos recibidos da súa sensibilidade e intelixencia, inesquecibles momentos de alegría íntima e compartida, tempo de conversa que abría luminosos claros no ceo anubrado. Tempo que tamén compartimos coa afable e magnífica directora de Normal, Araceli Serantes.

Falar, rir, pensar, pintar,…Toda actividade semellaba fluír creativa por camiños adoito imprevistos e a bo seguro tamén inconscientes, malia que dalgún modo guiados pola música coa que Eloy e a súa guitarra facían vibrar a tarde outonal. Música a interactuar con canto acontecía e nós con ela. Fértil resonancia que, dalgún xeito, nos vinculaba.

En definitiva, unha excepcional experiencia interdisciplinar cuxos insólitos froitos se amosan neste catálogo. Na miña retina e no meu corazón , por sempre, os seus relampos de beleza.

E, moi en especial, grazas, Gosia Trebacz, por teres a ben levarme con vós.

Eva Veiga

 

Exposición baseada no traballo feito no obradoiro de creación gráfica, pictórica e audiovisual a partir da poesía de Eva Veiga. Traballo dirixido por Gosia Trebacz

Comisariado da exposición: Gosia Trebacz.

Participan: Ana Alonso, Bego Tojo, Begoña Pastoriza, José Fonticoba, Lola Saavedra, Luisa Valdés, Malena Carballo, Rosa Catoira. Música: Eloy Vázquez (guitarra) e Susana Pérez (clarinete)

Inauguración

Mércores 13 de febreiro 19.30h Reitor + Gosia Trebacz + Eva Veiga + Concerto. Presentación de Miguel Melero

Obradoiros

De balde

10 prazas por quenda

matrícula en normal.comunicacion@udc.gal

Venres 22 de febreiro

18.30 a 21.20h: Obradoiro con Gosia aberto a todo o público

Mércores 6 de marzo

17.30 a 19.30h: Obradoiro con Gosia aberto a nenas e nenos. Sen límite de prazas

Mércores 13 de marzo

17.30 a 19.30h: Obradoiro con Gosia aberto a persoas con discapacidade/diversidade

Venres 22 de marzo

17.30 a 20.30h: Obradoiro con Gosia aberto a estudantes universitarios