Conversas coa dirección: Xisela Franco

Formas do EU no cine documental galego feito por mulleres

A sesión trazará unha viaxe en forma de ensaio poético a través de fragmentos de películas de Xisela Franco que encaixen dentro das formas documentais en primeira persoa. Así falaremos de etiquetas como o filme de ensaio, o documental autobiográfico, o cinema de diario, o autorretrato, ou a autoetnografía, distintas formas de expresión dese cinema persoal. Coa intención de identificarse co contexto contemporáneo máis próximo, ao final Xisela Franco tamén falará doutras cineastas galegas que teñen explorado de forma suxerinte ese "cinema do eu".

Fragmentos das pelis de Xisela Franco que se proxectarán:

  • Sculpture (2007)
  • Anima Urbis (2010)
  • Día 13 de Julio y día 12 de agosto (2012)
  • Vía Láctea (2013)
  • Hyohakusha (2014)
  • Autorretrato de un minuto (2016)
  • Interior, exterior, durante (2016)
Breve biografía:

Xisela Franco é artista e cineasta con prolífica traxectoria no documental e cine experimental. Licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente en Humanidades (especialidade Filosofía) pola UEM en Madrid, en 2006 recibe unha bolsa de postgrao para estudar un MFA en York University en Canadá. Nesa mesma universidade da aulas como profesora asistente do teórico do cinema canadense John McCullough. En Toronto vive catro anos nos que conecta coa vangarda experimental da cidade. Volve a Galicia no 2010 para formar parte nun momento único de primavera no audiovisual galego. O traballo de Xisela, a cabalo entre o cinema e a arte contemporánea, está sempre na procura de novos camiños da expresión audiovisual, cuestionando a identidade do cinema para revisalo e redefinilo. A súa obra percorreu museos, galerías, e festivais de cinema internacionais.

Proxeccións

Luns 27 de maio ás 19:00 h. no Centro Cultural Universitario, campus de Esteiro, Ferrol

Martes 28 de maio ás 19:30 h. en Normal, campus de Riazor, A Coruña

A entrada é de balde