Innova TIC

Esta área céntrase nas tecnoloxías da información e das comunicacións e destaca pola súa transversalidade en múltiples ámbitos da sociedade e da economía.

Entre as súas liñas de especialización encóntranse a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a análise e xestión de datos, especialmente en contornas Big Data, e a bioinformática.

Liñas de especialización

TIC 1. Ciberseguridade

Nesta liña de especialización inclúese o relacionado coa ciberseguridade, tanto desde o punto de vista legal, ético e socioeconómico, como do tratamento dos datos e a protección da infraestrutura computacional e todo o vinculado con esta e, especialmente, a información que contén.

TIC 2. Análise e xestión de datos

Nesta liña de especialización teñen cabida aqueles aspectos vinculados coa ciencia e enxeñaría de datos, que permiten a explotación eficiente de datos, normalmente masivos, para extraer información deles e podelos poñer en valor.

TIC 3. Bioinformática

Esta liña céntrase na aplicación de tecnoloxías computacionais e a estatística na xestión e análise de datos biolóxicos, químicos e médicos. A través desta liña preténdese potenciar as capacidades da UDC na análise e no procesamento de grandes volumes de datos, a simulación de sistemas ou mecanismos de carácter biolóxico.

TIC 4. infraestruturas, equipamentos e comunicacións para o tratamento da información

Esta liña pretende dar resposta ás necesidades de almacenamento, transmisión e procesamento de grandes cantidades de información ligadas aos computadores e aos novos dispositivos e contornos interconectados, xeradores e consumidores de información.

TIC 5. Sistemas intelixentes cognitivos

Esta liña persegue o reforzamento das técnicas da intelixencia artificial (lA) e dos aspectos relacionados cos sistemas cognitivos, que constitúen áreas de especialización cun amplo potencial de crecemento e nas que a UDC conta cunha dilatada e recoñecida experiencia investigadora.