Innova HUMANITAS

Esta área de especialización responde aos retos motivados pola transformación tecnolóxica que está experimentando a nosa sociedade. Ten como obxectivos a innovación e o desenvolvemento de servizos, contidos e infraestruturas dixitais para a educación, o turismo e o lecer, así como a conservación, recuperación e difusión do patrimonio histórico e cultural.

Liñas de especialización

HUM 1. Tecnoloxías e contidos dixitais para a educación, o turismo e o lecer

Impulso á creación de materiais interactivos para o seu uso no ámbito educativo ou no eido das industrias culturais. Atenderase especialmente ás posibilidades de elaboración de material didáctico e cultural dinámico, que lles posibilite aos usuarios o achegamento á información de xeito creativo, atractivo e colaborativo.

HUM 2. Conservación, recuperación e difusión do patrimonio

Desenvolvemento de ferramentas (bases de datos ad hoc, SIG, edición dixital, modelos virtuais etc) e contidos dixitais especializados e ilustrativos que permitan a recuperación, preservación, estudo e posta en valor do patrimonio cultural (material e inmaterial) así como da memoria histórica.

HUM 3. Infraestruturas lingüísticas e tecnoloxías da linguaxe

Desenvolvemento de ferramentas e recursos para crear infraestruturas e tecnoloxías lingüísticas. Trátase de aplicar o coñecemento lingüístico a sistemas computacionais para que sexan capaces de analizar e extraer información de textos, ademais de os poder xerar. O obxectivo final das tecnoloxías da lingua é interactuar dun modo natural coas máquinas.

HUM 4. Transformación da sociedade no contorno tecnolóxico

Análise dos cambios nos modelos socioeconómicos e nos comportamentos individuais, tanto a nivel persoal como profesional, derivados da innovación científica e as tecnoloxías.