Preto dun centenar de persoas participan na creación dunha aula libre en Elviña para a realización de actividades culturais do estudantado

Nota de prensa
24/05/19 14:28
  • Institucional

A Coruña, 24 de maio de 2019.- A Facultade de Socioloxía, a Fundación Luis Seoane e o Concello da Coruña colaboran na instalación dunha “Aula Libre” para a realización de actividades culturais, especialmente aquelas que sexan iniciativa do estudantado. Esa “aula” que terá forma de cabana foi deseñada polo arquitecto Santiago Cirugeda, quen estará este luns, 27 na Universidade para comezar a creación, e forma parte do proxecto “Recetas Urbanas”. Será colocada no Pavillón de Estudantes, no Campus de Elviña. O seu obxectivo é crear conciencia sobre o papel activo que ten a cidadanía para intervir e alterar calquera contorna urbana dada, alentando as discusións sobre o uso e a propiedade do espazo público. O material de construcción é reciclado, de segunda man e reutilizado.

O interesante deste proceso, segundo destacan desde a Facultade, é que a “Aula” será construída de maneira colectiva pola comunidade universitaria (estudantes, docentes, persoal de xestión e servizos...), da que se inscribiron preto dun centenar de persoas; Cirugeda e o seu equipo técnico (composto por arquitectos/as e enxeñeiros/as). A instalación terá lugar entre o 27 de maio e o 5 de xuño.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC