O profesor Julio Abalde toma posesión como Reitor da Universidade da Coruña nun acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo

Nota de prensa
13/01/20 12:53
  • Institucional

A Coruña, 13 de xaneiro de 2020.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidirá mañá, martes, 14 de xaneiro, ás 12:30 horas no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza) o acto de investidura do profesor Julio Abalde Alonso como Reitor da Universidade da Coruña.

No mesmo acto tomará posesión o resto de persoas do equipo de goberno da UDC.

 

Reitor: Julio Abalde Alonso

Catedrático de Microbioloxía.

Facultade de Ciencias

Reitor da Universidade da Coruña desde 2016. Reelixido o pasado 4 de decembro de 2019 co 70% dos votos. Catedrático de Microbioloxía. Licenciado en Ciencias Biolóxicas en 1978 e Doutor en 1986 pola USC. Comezou a súa actividade docente no Colexio Universitario da Coruña en 1985, obtendo a praza de profesor Titular de Microbioloxía na USC en 1998, universidade na que impartiu docencia nas Facultades de Bioloxía, Veterinaria e Farmacia. No ano 1991 obtivo a praza de profesor Titular de Microbioloxía na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Desenvolve o seu labor investigador no campo das microalgas: produción masiva e utilización en acuicultura, resposta fisiolóxica á presenza de contaminantes, metais pesados e pesticidas, no medio, etc.

Foi investigador principal en 18 proxectos competitivos e contratos de investigación, autonómicos, nacionais e internacionais, participando ademais noutros 12. É autor de máis de 85 artigos de investigación, 60 deles publicados en revistas internacionais de referencia, 5 libros, 11 capítulos de libros e dirixiu 8 teses de doutoramento. A súa actividade investigadora foi avaliada positivamente pola CNEAI de maneira ininterrompida desde o ano 1985. Na actualidade ten recoñecidos 5 sexenios de investigación.

No campo da xestión universitaria desempeñou distintas responsabilidades: Secretario do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC; Director do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular da UDC; Director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), 2005-2009. Foi vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC de 2012 a 2015. Tamén realizou actividades de avaliación da calidade universitaria entre as que destacan: Presidente da Comisión do Programa Docentia da UNEX, voceiro e presidente da Comisión de Avaliación de proxectos de innovación educativa da UGR, presidente da Comisión de seguimento e Certificación do Programa Docentia de ANECA e ACAP.

 

Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia: Salvador Naya Fernández

Catedrático de Estatística e Investigación Operativa.

Escola Politécnica Superior

 É vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia desde 2016. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (1986) e doutor en Enxeñería Industrial pola Universidade da Coruña (2003). No ano 1987 comeza a súa actividade docente como profesor agregado de Matemáticas de Bacharelato, e no ano 1994 incorpórase a docencia universitaria na Escola Politécnica Superior (UDC), onde imparte distintas materias da Área de Estatística e Investigación de Operacións no Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica e no Grao en Enxeñaría Mecánica. Participa tamén como docente no mestrado en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía (dobre título internacional coa París Diderot) e no interuniversitario das tres universidades galegas en Técnicas Estatísticas. Conta con dúas avaliacións positivas do programa Docentia. Investigador do grupo MODES, adscrito ao Centro Singular CITIC e ao ITMATI.

É autor de máis de 120 publicacións, 68 delas son artigos publicados en revistas internacionais de referencia (JCR). Dirixiu 5 teses doutorais e participou en máis de 40 proxectos de investigación e transferencia a empresa.

A súa actividade investigadora foi avaliada positivamente pola CNEAI de maneira ininterrompida desde o ano 2003. Na actualidade ten recoñecidos 3 sexenios de investigación. Conta tamén coa avaliación, coa cualificación de excelente, do programa Docentia. Editor asociado de varias revistas e editor xefe da revista BEIO da Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa. É membro electo do International Statistical Institute (ISI). Premio “Educador do Ano 2013” do Proxecto JLM (Juarez, Lincoln, Martí) pola difusión da Estatística en Latinoamérica. Foi delegado do Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE), director da Cátedra Jorge Juan e presidente e cofundador da spin-off “Nerxus Quality Solutions”.

 

Vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente: Nancy Vázquez Veiga

Profesora Titular de Lingüística Xeral.

Facultade de Filoloxía

É vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente desde 2016. Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela en 1991 e doutora pola Universidade da Coruña en 1998, institución á que está vinculada desde 1996. Anteriormente impartiu docencia nas universidades de Vigo e Santiago. A súa liña de investigación fundamental céntrase nos marcadores do discurso, materia sobre a que publicou un libro e numerosos artigos. Tamén é autora de distintas publicacións sobre contacto de linguas e sobre aspectos metodolóxicos da recollida de datos para un corpus de entrevistas sociolingüísticas. Desde o ano 2000 participa en varios proxectos e redes de investigación relacionados co estudo do léxico e das tecnoloxías lingüísticas.

É membro do Grupo LYS (Lingua e Sociedade da Información), formado por profesorado e investigadores das áreas de Lingüística Xeral e de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. Realizou estadías de investigación nas universidades de Georgetown e de California (Irvine). Ten concedidos tres sexenios de investigación. Foi coordinadora de dous programas de doutoramento interuniversitario (2004-2014), un deles distinguido con Mención de Calidade polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e de dous mestrados interuniversitarios (2009-2015). Formou parte da Comisión de Estudos Propios de Posgrao da UDC até 2016. Foi secretaria académica do Centro de Linguas desde o curso 2004-2005 até o 2015-2016.

 

Vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente: Alberto Valderruten Vidal

Profesor Titular de Ciencias de Computación e Intelixencia Artificial

Facultade de Informática

É vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente desde 2016. Doutor en Informática (1993) pola Université Toulouse III-Paul Sabatier, participa como membro do Institut de Recherche en Informatique de Toulouse (IRIT) no proxecto Esprit-II Complement, dedicado ao estudo da práctica industrial europea no desenvolvemento de sistemas de tempo real. Comeza a súa actividade docente tamén en Toulouse (1989), e a partir de 1995 na UDC como profesor do Departamento de Computación, no Laboratorio de Fundamentos da Computación e Intelixencia Artificial, dedicado á aplicación de tecnoloxías de programación funcional e de verificación en arquitecturas distribuídas. Membro do grupo de investigación MADS (Models and Applications of Distributed Systems), adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións (CITIC), a súa investigación céntrase non uso de metodoloxías de modelización para o desenvolvemento de sistemas distribuídos fiables, robustos e eficientes, incluíndo técnicas para a avaliación do rendemento e a verificación de sóftware.

Decano da Facultade de Informática da Coruña no período 2004-2013. Secretario da Conferencia de Decanos e Directores de Informática, participa na elaboración do Libro Branco do título de grao en Enxeñaría Informática. Participa na posta en marcha e ampliación do Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións como centro singular do Parque Tecnolóxico da UDC destinado á transferencia tecnolóxica no ámbito das TIC.

 

Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación: Pilar García de la Torre

Profesora Titular de Psicoloxía.

Facultade de Ciencias da Educación

É vicerreitora de Internacionalización e Cooperación desde 2016. Doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e psicóloga especialista en psicoloxía clínica. Ademais, cursou os estudos de Criminoloxía na mesma universidade e realizou o Mestrado en Logopedia pola Universidade Complutense de Madrid. Formouse como investigadora no National Addition Unit do Maudsley Hospital de Londres, onde traballou como Honorary Resarch Worker, así como no Departamento de Ciencias da Saúde da Universidade de Gran Canaria e nas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Comezou o seu labor docente universitario na Universidade de Santiago de Compostela en 1993 e desde 2002 é profesora titular de universidade en Técnicas de Modificación de Conduta na Universidade da Coruña, na Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos do Departamento de Psicoloxía.

Foi directora da Universidade Sénior da Universidade da Coruña e é membro da Xunta Directiva da Asociación Estatal de Programas Universitarios de Maiores. As súas áreas de investigación principais son a psicoloxía da saúde e a aprendizaxe ao longo da vida, área en que nos últimos anos coordinou diversos proxectos europeos no Long Life Education Program do Directorate Xeral of Education and Culture da European Commission, así como no Programa Erasmus+. Estes traballos recibiron diversos premios e mencións.

 

Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica: Domingo Calvo Dopico

Profesor Titular de Comercialización e Investigación de Mercados.

Facultade de Economía e Empresa

É vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade desde 2016. Doutor europeo en Ciencias Económicas e Empresariais e profesor titular de Comercialización e Investigación de Mercados no Departamento de Empresa na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. Posúe ampla experiencia docente na área de Mercadotecnia, Comportamento do Consumidor e Investigación de Mercados. Actualmente imparte docencia na Facultade de Economía e Empresa e na Escola Universitaria de Deseño Industrial. Posúe ampla experiencia na dirección e xestión de proxectos de investigación a nivel autonómico (Xunta de Galicia), nacional (Ministerio de Economía e Competititividade), europeo (Proxectos Interreg).

É autor de publicacións en revistas líderes da área da comercialización e investigación de mercados, e igualmente participa activamente nos congresos nacionais e internacionais vinculados a esta área de coñecemento. Participou en proxectos do ámbito de natureza multidisciplinar conseguindo realizar transferencia aos sectores relacionados ou directamente implicados con estes proxectos. Realizou estadías de investigación en diversas universidades: Erasmus University of Roterdan, (Holanda, España); Aarhus School of Business, (Aarhus, Dinamarca); ou o Consello Superior de Investigacións Científicas (Madrid, España). Ten concedidos dous sexenios de investigación. Foi coordinador da titulación de ADE, participando activamente como membro das comisións de Calidade, Traballo de Fin de Grao e Académico-Docente.

 

Vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade: María José Lombardía Cortiña

Profesora Titular de Estatística e Investigación Operativa.

Facultade de Informática

É Responsable de Unidade de Análise e Xestión de Datos da UDC. Licenciada en Matemáticas en 1994 e doutora en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no 2002. No ano 1997 incorpórase á docencia universitaria na USC, onde posteriormente obtivo a praza de contratada doutora. Con anterioridade, gozou dunha bolsa no Instituto Galego de Estatística e outra no Servizo de Información sobre Saúde Pública da Dirección Xeral de Saúde Pública. No ano 2009 vincúlase á Universidade da Coruña (UDC), impartindo distintas materias da área de Estatística e Investigación Operativa nas titulacións de Enxeñaría Técnica Industrial, Documentación e Enxeñaría Informática. Participa tamén como docente no Máster Universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados, e no máster interuniversitario das tres universidades galegas en Técnicas Estatísticas. Desde o 2010 é profesora titular de universidade da área de Estatística e Investigación Operativa na Facultade de Informática na UDC.

É investigadora do grupo MODES, adscrita ao centro singular CITIC. É autora de 25 artigos publicados en revistas internacionais de referencia JCR. Recibiu o premio a un traballo de investigación da Real Academia de Ciencias Galegas no 2004. Dirixiu 3 teses doutorais, unha delas na universidade de Göttingen, e participou en máis de 60 proxectos competitivos e contratos de investigación e de transferencia con institucións e empresas, sendo investigadora principal dunha Acción Integrada con Alemania e de 5 contratos de investigación. Na actualidade ten recoñecidos 3 sexenios de investigación. Foi secretaria e membro do Consello Executivo da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), e membro do Consello Executivo da Sociedade Española de Biometría (SEB). Na actualidade é responsable da Unidade de Análise e Xestión de datos da UDC (AXD) e membro do Comité de Dirección do CITIC.

 

Vicerreitora de Infraestructuras e Sustentabilidade: Amparo Casares Gallego

Profesora Contratada doutora de Proxectos Arquitectónicos.

Escola Técnica Superior de Arquitectura

É arquitecta e doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña. Completou a súa formación con estadías no Politécnico de Milán e como bolseira na Academia de España en Roma. Impartiu cursos, conferencias e másteres en Italia, Romanía, Polonia, Alemaña e Santo Domingo; presentou comunicacións en seminarios en Grecia, Noruega, Suecia e participou en numerosos encontros en España.

Os seus temas de investigación céntranse na sustentabilidade no deseño da paisaxe e das edificacións e na arquitectura e xénero. Dirixiu tres teses de doutoramento, unha delas con mención internacional. Ten un sexenio de investigación. Recibiu premios e mencións polo seu traballo como arquitecta nestes temas como a Mención de Honra da UIA-UNESCO no Concurso Internacional de Arquitectura, Desenvolvemento Urbano e Vivenda Sustentable, Guanajuato, México e o Primeiro Premio de Rehabilitación da Alameda, parque histórico de Santiago de Compostela. Foi subdirectora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, coordinou o Mestrado Universitario de Arquitectura Sanitaria e Asistencial e o Mestrado Universitario en Arquitectura.

 

Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte: Cristina López Villar

Profesora Contratada Doutorade Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física

Profesora Contratada Doutora na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física desde o ano 2009, anteriormente foi profesora na Universidade de Vigo (2003-2009) e na Universidade de Zaragoza (2001-2003). Licenciada en Educación Física pola Universidade da Coruña (1993-98) e Doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade de Vigo (2005). Posgrao en Promoción e Educación para a Saúde pola Universidade de Lleida (2001) e Mestrado en Danza Movemento Terapia pola Universidade Autónoma de Barcelona (2007). Completou a súa formación con estadías de investigación na Universidade Católica de América en Washington (2005), na Universidade Estadual de Campinas (2009), no departamento de Cultural and Social Studies da Universidade de Oslo (2012), no Laboratoire-Cultures-Education-Societés da Universidade de Burdeos (2016) e na L'UFR STAPS da Universidade de Nantes (2018).

A súa actividade investigadora actual céntrase na perspectiva feminista aplicada ás Ciencias do Deporte. Alén da súa colaboración en diferentes proxectos de investigación, que deu lugar á publicación de numerosos artigos, é autora de catro monografías. Participou como relatora en diferentes congresos, xornadas, seminarios e mestrados en diferentes universidades. Realizou asesorías técnicas no Centro Coreográfico Galego (2007, 2008), na Fundación Deporte Galego (2007) e participou como experta no Plan Integral de Actividade Física e Deporte do Consejo Superior de Deportes (2009). Dirixiu cursos de formación para a comunidade universitaria e colaborou na creación de proxectos de actividade física co Servizo de Deportes da UDC e co Plan de Igualdade do Concello de Oleiros.

 

Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social: María Jesús Movilla Fernández

Profesora Titular de Ciencias da Saúde.

Facultade de Enfermaría e Podoloxía.

É Directora do Departamento de Ciencias da Saúde desde 2017. Doutora pola Universidade da Coruña no 2009. Profesora Axudante de Escola Universitaria (1999-2003). Profesora Titular de Escola Universitaria (2003-2015). Profesora Titular de Universidade da Area de Enfermaría do Departamento de Ciencias da Saúde desde 2015. Actualmente imparte docencia no Grao de Enfermaría e no Grao de Podoloxía na Facultade de Enfermaría e Podoloxía no Campus de Ferrol, e no Grao de Terapia Ocupacional na Facultade de Ciencias da Saúde no Campus de Oza. Participa como docente no Mestrado en Asistencia e Investigación Sanitaria (MAIS) na especialidade de Investigación Clínica. No eido da xestión universitaria ocupou o posto de Subdirectora de Enfermaría na Escola de Enfermaría e Podoloxía (2009-2011) e de Vicedecana de Enfermaría da Facultade de Enfermaría e Podoloxía (2011-2015). Coordinou a implantación do Mestrado Universitario en Investigación, Ordenación e Avaliación dos Servizos Sociosanitarios (MIOESS) no curso 2011/2012. Pertence ao grupo de investigación da UDC GRINCAR, no marco do cal cofundou o Laboratorio de Investigación Cualitativa en Ciencias da Saúde (LICcs).

É autora de publicacións en revistas da área das ciencias da saúde, tamén ten participado en monografías e libros. Asiste activamente a congresos nacionais e internacionais vinculados á área de coñecemento de enfermaría. Ten especial interese na internacionalización da investigación en coidados, o que lle fixo xerar unha rede de colaboración con investigadoras da Universidade de Stavanger (Noruega), da Universidade Samuel Merritt (California, USA), e da Universidade de Toronto (Canadá) na Bloomberg Faculty of Nursing e na Dalla Lana School of Public Health. No ámbito nacional traballa con investigadoras da Universidade de Barcelona estudando a vulnerabilidade e a violencia institucional na atención sanitaria da saúde sexual e reprodutiva das mulleres. Dirixiu dúas teses de doutoramento que recibiron o premio extraordinario de doutoramento da UDC, unha delas con mención internacional.

 

Secretario Xeral: Carlos Aymerich Cano

Profesor Titular de Dereito Administrativo.

Facultade de Dereito

É secretario Xeral desde 2016. Autor de tres monografías e máis de cen artigos sobre materias da súa especialidade, a súa actividade investigadora desenvólvese preferentemente no ámbito do Dereito da contratación pública, da organización territorial do Estado, da prevención e loita contra a corrupción e do impacto e control das políticas de austeridade. Participou como relator en diferentes congresos, xornadas, seminarios e mestrados en diversas universidades. Realizou estadías de investigación nas universidades de Bochum (1994) e París-Pantheon (1995). Foi profesor visitante na UNISC (RS, Brasil, 2015). Foi vogal da Xunta Electoral de Galicia (1997-2000), deputado no Congreso na VII lexislatura (2000-2004) e deputado no Parlamento de Galicia entre 2005 e 2013.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC