A profesora da Universidade de Toronto Denise Gastaldo será nomeada Doutora Honoris Causa pola UDC no Teatro Jofre de Ferrol

Nota de prensa
10/09/19 12:06
  • Institucional

Ferrol, 10 de setembro de 2019.- A profesora da Universidade de Toronto Denise Gastaldo será nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o vindeiro xoves 19 de setembro, nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, no Teatro Jofre de Ferrol. A profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e directora do Departamento de Ciencias da Saúde, María Jesús Movilla Fernández, será a encargada de pronunciar a correspondente laudatio.

A actividade investigadora de Denise Gastaldo céntrase no estudo da saúde como fenómeno social. Nos seus traballos, a profesora e enfermeira afonda en como se produce a saúde a través dos procesos sociais, políticos e económicos, sinalando a migración e o xénero como factores determinantes.

Durante os últimos dez anos, a investigadora ten colaborado en numerosas ocasións cun grupo de profesoras da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol vinculadas ao Laboratorio de Investigación Cualitativa en Ciencias da Saúde pertencente ao Grupo de Investigación GRINCAR.

 

Un referente en docencia e investigación

Denise Gastaldo (Porto Alegre, Brasil) graduouse en Enfermaría na Escola de Enfermagen da Universidade Federal de Río Grande do Sul en Brasil. Nese mesmo ano, obtivo tamén o Diploma de Nursing Education na Facultade de Educaçao da Universidade Federal de Río Grande do Sul. En España, no ano 1987, acadou o Diploma en Saúde Pública da Escola Nacional de Sanidade na Universidade Complutense de Madrid. Dous anos despois, cursou en Brasil un Mestrado en Educación dentro do Programa de Pós-Graduaçao en Educaçao da Universidade Federal de Río Grande do Sul. Entre os anos 1991 e 1995 cursou o doutoramento en Socioloxía no Institute of Education da University of London (UK). Posteriomente, realizou a súa estancia post-doutoral na Universidade de Montreal (Canadá).

Actualmente é profesora na Facultade de Enfermaría da Universidade de Toronto (Canadá), cargo que compaxina coa dirección do Centro for Critical Qualitative Health Research nesa mesma institución. Ao longo da súa traxectoría, Gastaldo ten participado en máis de 22 proxectos de investigación, redactado máis de 60 artigos en revistas de impacto a nivel internacional e colaborado en numerosas comunicacións en congresos por todo o mundo.

 

Foto: Denise Gastaldo (4a pola esquerda) durante unha visita ao Campus de Ferrol o pasado mes de xullo. Foi recibida pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, a decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Emma Rodríguez Maseda, e a directora do Departamento de Ciencias da Saúde, María Jesús Movilla, entre outras persoas.

 

 

 

 

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC