A Xunta eleva a 4,2M€ o apoio á actividade investigadora da UDC tras reforzar a partida orzamentaria do vindeiro ano 2020 cun millón de euros máis

Nota de prensa
29/11/19 14:39
  • Institucional

A Coruña, 29 de novembro de 2019.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que aumenta o investimento para a Universidade da Coruña nun millón de euros máis do que estaba previsto, chegando a unha cifra de 4,2 millóns de euros. Esta partida supón un apoio explícito por parte do goberno autonómico ao proxecto de construción do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente previsto para o Campus de Ferrol.

Segundo se explica na nota de prensa informativa da Xunta, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional eleva a 4,2 millóns de euros o apoio á actividade investigadora da Universidade da Coruña para o período 2019-2020, preto dun millón de euros máis do previsto inicialmente.

O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dunha addenda por un importe de 951.323 euros ao convenio de colaboración asinado o pasado mes de xullo entre a Consellería de Educación e a UDC para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i, e que estaba inicialmente dotado con 3.238.609 euros. Con este reforzo, a contía final total deste convenio ascenderá a 4.189.657€.

A addenda aplicarase para o ano 2020, polo que se reestruturan á alza todas as accións previstas no convenio para ese ano, ao dispor agora dunha cantidade de 2.372.980€, fronte á dotación inicial de 1.421.657€ para o vindeiro exercicio.

Así, a contía máis elevada é a destinada á mellora de edificios, instalacións e equipamentos en xeral (cunha partida de 550.000 euros fronte aos 250.000 inicialmente previstos); o equipamento científico e tecnolóxico (elévase a case 526.000 euros fronte aos algo máis de 285.000 iniciais); a renovación tecnolóxica (agora con 390.000 euros fronte a 240.000); o reforzo do capital humano (cun orzamento que pasa dos case 74.000 aos 190.000 euros); a internacionalización e posta en valor de liñas de especialización (con 190.000 euros, 40.000 máis ca os inicialmente previstos); e os recursos docentes, aos cales se destinará agora unha partida de 35.000 euros e que no convenio inicial carecía de dotación.

 

Antecedentes

O convenio asinado en xullo, que agora se reforza, tiña como obxectivo o desenvolvemento de actuacións estratéxicas de I+D+i co fin de mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos.

As actuacións previstas xiraban arredor de catro principais eixes: a rehabilitación e mellora das instalacións e equipamentos; o equipamento científico-tecnolóxico; a especialización da docencia e a investigación nas áreas da industria intelixente, a sustentabilidade e a innovación; e o reforzo do Programa de centros de investigación e posicionamento e internacionalización das unidades de investigación.

Este investimento en apoio ás accións estratéxicas da Universidade da Coruña en I+D e na consolidación da especialización dos seus campus da Coruña e de Ferrol supón un importante reforzo a axendas de especialización, formación e investigación como vía para dar resposta aos novos retos.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC