A Universidade da Coruña colabora coa Fundación Abrente para promover a integración das persoas con discapacidade

Nota de prensa
24/05/19 14:31
  • Institucional

A Coruña, 24 de maio de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou esta mañá un convenio de colaboración co presidente da Fundación Abrente, Ángel López Fernández, para establecer un marco de colaboración para mellorar a igualdade de oportunidades, a accesibilidade universal, a inclusión e a non discriminación de todas as persoas con discapacidade dentro da comunidade universitaria, especialmente no ámbito do lecer e o deporte e fomentar, ademais, a contratación pública socialmente responsable.

Tanto o reitor como o presidente da Fundación Abrente manifestaron a súa satisfacción polo acordo que permitirá ademais, entre outros obxectivos, que a comunidade universitaria “se sensibilice neste tema e traballemos todos xuntos pola integración”, avanzou Abalde.

No acto desta mañá estaban presentes tamén a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Araceli Torres, e a xerente da Fundación Abrente, Carmen Touza.

Ao abeiro deste convenio, o vindeiro martes 28 de maio, haberá xa a primeira das actividades. O pavillón e a pista deportiva do Campus de Elviña acollerán entre as 10:30 e as 12:30 horas unha xornada de sensibilización cara o deporte adaptado. 300 escolares de Educación Primaria de diferentes centros como CEIP Plurilingüe O Mosteirón, CEIP Víctor López Seoane, CEIP Alborada e Colexio Rías Altas poderán participar en varias modalidades de deporte en cadeiras de rodas e para persoas con discapacidade visual ou intelectual.

Os escolares poderán practicar slalom en cadeira de rodas, o circuíto de handbike (bicicleta adaptada) e cadeiras de rodas preparadas especificamente para o atletismo, así como tenis ou baloncesto en cadeira. Tamén haberá oportunidad goalball, o único deporte paralímpico creado para personas cegas e con discapacidade visual, atletismo para persoas invidentes, voleibol adaptado ou boccia, un xogo similar á petanca.

Ademais dentro do marco deste convenio estase a traballar, entre outros proxectos, na VI Carreira de obstáculos pola integración que se realizarán na Coruña en outubro.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC