A Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC organiza as xornadas Violencia(s) contra as mulleres, coa participación das activistas Amelia Tiganus e Mabel Lozano

Nota de prensa
10/09/19 12:07
  • Institucional

Ferrol, 10 de setembro de 2019.- A activista feminista e integrante de feminicidio.net, Amelia Tiganus, imparte este xoves, 12 de setembro, ás 16:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación, o obradoiro “Prostitución: trata e violencia sexual”. Esta actividade enmárcase no programa das xornadas de sensibilización e acción “Violencia (s) contra as mulleres” que organiza a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña dentro das accións emprendidas aliñadas co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cuxos obxectivos comparte.

O programa das xornadas inclúe tamén a conferencia dos profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, María Carreiro e Cándido López, titulada  “A situación dos centros de acollida para vítimas de violencia de xénero en Galicia: non estaremos a re-vitimizar ás mulleres?” e que terá lugar, o vindeiro 19 de setembro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal.

Pola súa banda, a profesora de Comunicación Audiovisual da Universidade de Burgos, Isabel Menéndez, impartirá a conferencia “Violencia simbólica nas industrias culturais: a pornificación como biopolítica do desexo” o martes 8 de outubro, ás 10:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación. O peche da xornadas virá da man da directora de cine e xornalista Mabel Lozano. O Salón de Actos Concepción Arenal acollerá, o 16 de outubro, ás 17:00 horas, a proxección do documental “El Proxeneta. Paso corto, mala leche”.

Na organización das xornadas de sensibilización e acción “Violencia (s) contra as mulleres” colabora a Asociación Fuco Buxán.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC