Maquinando o debuxo de Marco Moreira

Exposición individual do 5 de setembro até o 1 de novembro de 2019

Esta exposición que Marco Moreira presenta en NORMAL, espazo de intervención cultural da UDC é unha mostra do proxecto de investigación que o artista leva a cabo desde hai xa algúns anos, onde reflexiona sobre a práctica e os métodos de produción inherentes ao desenvolvemento da súa actividade artística. Así, centrándose especialmente na práctica do debuxo, procura explorar os limites e fronteiras entre o bidimensional e o tridimensional, establecendo unha relación entre a representación e o real, así como entre o artista, a obra e os que a gozan (o público). Esta relación define a condición da inscrición de lugar e permite reflexionar sobre ela.

Deste xeito, aborda conceptos como a intuición, a intelección, o tempo e o espazo, recontextualizando obxectos e ideas coa fin de materializar procesos creativos. O artista recorre a un traballo sintético, pero ao mesmo tempo envolvente, coa intención de que a obra teña existencia nunha dimensión poética. 

Nalgúns dos seus traballos utiliza simples obxectos cotiáns, que adquire e son parte da súa práctica habitual de traballo; ferramentas e instrumentos que cambia e manipula, tentando lidar co que chama síntese mecánica, acentuando a condición da ferramenta inherente aos obxectos usados. Esta condición permítelle a el mesmo e a calquera visitante experimentar o traballo, tanto táctil como visualmente, ao través da acción de debuxar. 

 

Marco Moreira, Portugal, vive na Coruña, cursa o Doutorado en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Licenciado e máster en pintura pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa. Ten experiencia nas áreas de multimedia, ilustración, animación, debuxo, fotografía e artes visuais. Participa en varias exposicións, residencias e proxectos editoriais. É representado pola galería Módulo – Centro Difusor de Arte en Lisboa e está presente en diversas coleccións nacionais e internacionais. Desenvolve na súa maioría debuxo, escultura, fotografía e instalación.

 

Web: www.marcomoreira.pt / email: info@marcomoreira.pt

Actividades complementarias

Inauguración

5 de setembro de 2019
20:00h

Obradoiro

Estratexias e prácticas do debuxo contemporáneo

9 de outubro ás 17:00h
16 de outubro ás 17:00h

Matrícula de balde en cultura.coruna@udc.es

Presentación do catálogo

23 de outubro de 2019
20.00h