O vicerreitor de Investigación, Salvador Naya, presenta en Nueva York o programa de captación de talento UDC-Inditex “InTalent”

Press release
12/3/18 5:18 PM
  • Institutional

A Coruña, 3 de decembro de 2018.-. O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presenta esta tarde en Nueva York o programa de captación de talento UDC-Inditex “InTalent”, ante un auditorio formado por científicos españoles en Estados Unidos, agrupados na asociación ECUSA (Españoles científicos en USA).

O presidente desta entidade, Francisco Martín Martínez, investigador no MIT, presentará a conferencia de Naya que leva como título: “Links between Spain & USA and opportunities for talent attraction and acceleration”.

InTalent UDC-Inditex é un programa realizado entre a Universidade da Coruña e Inditex para a contratación durante un período de tres anos de investigadores postdoutorais con proxección e ampla traxectoria internacional. A través de InTalent búscase a xeración, retención, recuperación e captación de talento investigador co obxectivo de xerar tecido científico e investigador de excelencia.

Grazas a este programa, a UDC lanzou xa dúas convocatorias captando catro investigadores: Elena Pazos Chantrero, José Antonio Cortés, Ana Rey Rico e Jorge Ledo. Pazos desenvolve un proxecto de “Desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina”; Cortés, “Beneficios e impactos sociais das políticas de conservación ambiental na Europa post-crise: O caso galego”; Rey, “Uso de biomateriais poliméricos como sistemas de liberación controlada de vectores non virais en rexeneración de cartílago”, e Ledo ten como proxecto “Teoría comunicativa e transformación histórica entre o outono da Idade Media e o comezo da modernidade”.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente de Inditex, Pablo Isla, asinaron en outubro de 2016 o convenio de colaboración entre as dúas entidades para permitir a creación deste programa de captación de investigadores excelentes de ámbito internacional único en España, de aí o interese de ECUSA por coñecer este programa que levou a que convidasen ao vicerreitor a difundilo en Estados Unidos. A empresa Inditex patrocina “InTalent” con 1,45 millóns de euros. A UDC incorporará durante os tres anos que dura o convenio un total de seis investigadores excelentes, dos que faltan dous por contratar, que desenvolverán o seu proxecto de investigación nos centros científicos da UDC.

ECUSA está formada por científicos españoles que desenvolven o seu labor profesional en 81 centros de investigación estadounidenses. Entre outros obxectivos, pretende establecer unha rede de científicos que facilite a integración dos recén chegados, o intercambio de experiencias e ideas e a interacción entre disciplinas. Ademais, tamén quere crear un organismo de científicos que serva como punto de contacto para institucións americanas e españolas, públicas e privadas.

Máis información:

http://www.intalent.udc.es/

http://www.ecusa.es/

 

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC