O Claustro da Universidade da Coruña aproba sen votos en contra a Memoria de Xestión do Reitor do ano 2018

Press release
5/15/19 2:50 PM
  • Institutional

A Coruña, 15 de maio de 2019.- A Memoria de Xestión do Reitor do ano 2018 recibiu esta mañá o apoio do 71% dos claustrais da Universidade da Coruña, con 62 votos a favor, 25 abstencións e sen ningún voto en contra.

Cumprindo co mandato estatutario que establece que o reitor debe render contas da súa xestión ante o Claustro, Julio Abalde fixo esta mañá un resumo da actividade de goberno realizada o pasado ano. Abalde comezou destacando a especialización dos campus, un proceso iniciado, a instancias da Xunta de Galicia, en 2016 co Campus Industrial de Ferrol e que rematou o pasado ano coa presentación do Campus Sustentabilidade e Campus Innova, como especializacións para A Coruña. O Campus Sustentabilidade estrutúrase en catro áreas: Cidade e territorio, Economía circular e sustentable, Sustentabilidade social e educación ambiental e Vida saudable. A través do Campus Innova, a UDC quere ser un axente activo nun ecosistema innovador baseado no talento e no coñecemento, segundo explicou o reitor. “Un ecosistema onde Universidade, centros de investigación especializados e empresas convertan A Coruña e a súa área metropolitana nun polo de innovación dixital e  tecnolóxico, nunha cidade da tecnoloxía dixital”, dixo.

 

Investigación e transferencia

Na xestión do pasado ano destaca, segundo se pode ver no documento, o aumento de recursos externos para investigación que en 2018 ascendeu a 12,17 millóns de euros, o que supón un aumento de máis dun millón con respecto ao ano anterior. Salientan os ingresos captados en convocatorias europeas de investigación, onde os grupos de investigación da UDC pasaron de 1,2M€ a 2M€. Destaca tamén o aumento no numero de contratos dos investigadores con empresas e administracións que chega a 273, máximo histórico na UDC, cun importe total de 4,4 millóns. Así mesmo, é un récord absoluto para a UDC o número de publicacións científicas, con 950 artigos publicados fronte aos 932 do ano 2017 e moi superior aos 569 do ano 2015. No apartado de investigación e transferencia destaca tamén o aumento dos ingresos captados polo centro singular CITIC, que pasou de 4,1 millóns en 2017 a 4,5 millóns de euros en 2018. O CICA conseguiu renovar a agrupación estratéxica co INIBIC; e o CITEEC acadou tamén o selo de agrupación estratéxica. Ademais asináronse tres novas cátedras con empresas neste período: Cátedra R en Ciberseguridade, Cátedra SXD Galicia Activa e Cátedra Handytronic-Telecon. A UDC conseguiu na primeira convocatoria das axudas ministeriais Beatriz Galindo (para atraer talento investigador que realizou parte da formación no estranxeiro) catro das cinco solicitudes presentadas, que eran o número máximo que se podían solicitar. O éxito desta convocatoria posicionou á UDC no primeiro posto das universidades españolas.

 

Residencia universitaria

O reitor manifestou na presentación dos datos do pasado ano a súa satisfación persoal pola apertura da residencia universitaria Elvira Bao, coa posta en marcha da primeira fase con 46 prazas que serán 118 cando se complete a segunda, realizada grazas a un acordo co Concello e coa Deputación da Coruña. Abalde destacou a aportación da Deputación cunha achega de tres millóns de euros para as obras de acondicionamento do edificio. “A residencia non sería posible sen esa colaboración, sobre todo tendo en conta que o orzamento que aporta a Xunta para infraestruturas de toda a UDC é dun millón de euros”.

 

Titulacións internacionais

Outro feito relevante foi a posta en marcha de novas titulacións de grao e de mestrado. Púxose en marcha o Grao en Xestión Industrial da Moda e o Grao en Paisaxe vinculados, respectivamente, ao Campus Industrial e ao Campus Sustentabilidade. Polo que se refire aos mestrados, a oferta da UDC aumentou cos mestrados en Enxeñaría en Deseño Industrial; Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Produción Xornalística e Audiovisual; Ciberseguridade; Biodiversidade Terrestre e Economía, estes tres interuniversitarios. Cómpre salientar que a UDC é a univerdade galega máis internacional cun maior número de titulacións que ofrecen itinerarios bilingües ou só en inglés, así como opcións de dobre título internacional. A UDC ten preto de 200 profesores implicados en docencia en inglés. Así mesmo destaca o incremento do alumnado estranxeiro que este curso medrou un 20% máis que o pasado, situándose en 863 estudantes foráneos.

Confírmase este curso a tendencia de crecemento da matrícula nos mestrados (un 12% máis) e no doutoramento (o 8% máis) así como un leve descenso no número de alumnado en graos, 91 estudantes menos este curso, que se explica pola caída demográfica e a complexa situación socioeconómica actual que provocan un descenso xeralizado do número de estudantes universitarios.

Outros aspectos destacables, a xuízo do reitor, son as convocatorias de prazas docentes, 56 e 23 prazas de catedrático. O reitor detallou outras accións que se realizaron o pasado ano como os programas de aforro, un de compra centralizada e outro de eficiencia enerxética; a difusión da oferta de titulacións da UDC en numerosas feiras universitarias e actos diversos ou as diversas iniciativas de medio ambiente que levaron á UDC a situarse no posto 93, entre 719 universidades de 81 países de todo o mundo, no ránking internacional Green Metric.

Na quenda de debate sobre a memoria, varios profesores manifestaron a súa preocupación polo descenso xeral no número de alumnos e de estudantes de bacharelato nas áreas STEM. Un dos profesores asistentes rogou ao reitor que sendo este un problema que rebasa as competencias universitarias e mesmo de goberno autonómico, se eleve desde a Crue ao Ministerio aproveitando que o reitor da UDC preside unha das Comisións Sectoriais de Crue, universidades españolas, concretamente a de Xerencia. A petición de máis financiamento á Xunta e a incorporación de máis profesorado que garanta o relevo xeracional foron outras das cuestións que se trataron.

 

Declaración do estado de emerxencia climática

Logo de aprobada a Memoria de Xestión do Reitor, abriuse unha quenda libre de intervencións na que se fixeron numerosas aportacións. Un dos alumnos presentou, en nome dunha compañeira promotora da iniciativa, unha proposta para que a UDC se adhira á Declaración do estado de emerxencia climática, unha iniciativa do movemento internacional Fridays for Future iniciado por Greta Thunqberg en 2018, para “situar o debate climático nas Universidades e facer presión para que tamén sexa un punto clave, ao igual que a educación, nas axendas da política”, como recolle o documento. Esta proposta vén de ser presentada ante Crue-Sostenibilidade e aprobada pola Universidade Politécnica de Catalunya, a iniciativa do estudantado. O reitor agradeceu a presentación desta Declaración e comprometeuse a levala ao próximo Consello de Goberno como proposta do estudantado para que a UDC se adhira a ela.

Algún dos profesores queixouse da elevada burocracia e xestión administrativa, outro inquiriu polo proceso de desascrición da Escola de Turismo e mesmo se lle pediu ao reitor o pintado da fachada da Facultade de Informática. Representantes do PAS pediron o envío da documentación do Claustro con máis antelación e que se mellore na páxina web o uso de linguaxe non sexista.

Entre as demandas do alumnado, a apertura de espazos 24 horas para estudar, a gratuidade do bus de Elviña á Zapateira, e que se potencie a participación do estudantado nas diversas eleccións universitarias. O reitor respondeu que se está a traballar para abrir varios espazos 24 horas para estudar e tamén zonas de traballo de grupo, tanto no CUR como en Ferrol. Abalde defendeu a elevada participación do alumnado da UDC nas eleccións a reitor que sitúan á universidade coruñesa como a de maior participación de todo o Estado, cun 21% fronte á media do 10%. “Temos un colectivo de estudantes moi participativo, hai que aumentar as vías de participación pero tamén recoñecelo”, declarou.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC