O Banco de España recoñece o Mestrado en Banca e Finanzas da UDC para asesorar sobre contratos de préstamo inmobiliario

Press release
7/31/19 12:38 PM
  • Institutional
  • O Mestrado Universitario en Banca e Finanzas da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña é o único mestrado recoñecido en España

 

A Coruña, 31 de xullo de 2019.- O pasado 16 de xuño entrou en vigor a Ley de Crédito Inmobiliario (“Ley 5/2019, de 15 de marzo, reguladora de los contratos de crédito inmobiliario”). A norma esixe ás entidades financeiras que acrediten que o seu persoal conta cos coñecementos e competencia que desde agora se requiren para informar ou asesorar na comercialización de préstamos inmobiliario e hipotecario. Desde ese momento, o Banco de España comezou a incorporar ao seu “listado de títulos o certificaciones para la acreditación de los requisitos de conocimientos y competencia” aqueles títulos que acrediten que o seu programa de estudos inclúe os contidos enumerados.

O Mestrado Universitario en Banca e Finanzas (MUBF) da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña vén de ser incluído, o pasado 26 de xullo, nesta listaxe de títulos recoñecidos polo BdE para informar e asesorar sobre contratos de préstamo inmobiliario. O recoñecemento inclúe todo o persoal e funcións posibles de entre os establecidos no artigo 32 ter da Orden ECE/482/2019:

  • Persoal que informe ou comercialice préstamos inmobiliarios directamente ao prestatario ou potencial prestatario.
  • Persoal con condición de directivo ou que adopte a decisión de concesión de préstamos inmobiliarios.
  • Persoal que decida, se ocupe ou participe na elaboración ou deseño dos sistemas de valoración do risco de crédito ou deseñe produtos de préstamo inmobiliario.
  • Persoal que facilite asesoramento sobre préstamos inmobiliarios, entendendo por tal o establecido no artigo 4.20) da Ley 5/2019, de 15 de marzo.

A día de hoxe, unicamente 7 títulos están recoñecidos en toda España a tal efecto, e o MUBF é o único Mestrado, así como o único título de carácter máis amplo (banca, finanzas ou similar) recoñecido polo Banco de España.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC