Máis de 300 economistas reúnense no congreso internacional “Globalización en contornos de complexidade e incertidume” que acolle a UDC

Press release
6/13/19 2:00 PM
  • Institutional

A Coruña, 13 de xuño de 2019.- A Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acollerá desde o vindeiro domingo ao martes o XXIX Congreso da Asociación Científica de Economía y Dirección de la Empresa (ACEDE) “Globalización en contornos de complexidade e incertidume”, coa asistencia de máis de 300 economistas de todo o mundo e coa participación de destacados analistas internacionais, como Shaker A. Zahra, da Universidade de Minnesota, un dos investigadores máis influíntes na área de emprendemento e cuxo nome aparece continuamente nas listaxes de candidatos ao Nobel de Economía. Zahra impartirá unha conferencia plenaria o vindeiro luns, 17 de xuño ás 12:30 no salón de actos da Facultade. Ás 12:00 horas, o reitor da UDC, Julio Abalde, inaugurará o congreso aínda que as actividades comezarán xa na tarde do domingo con diversas reunións sectoriais da ACEDE.

O congreso está organizado por profesorado da Facultade de Economía e Empresa, baixo a presidencia do catedrático da área de Organización de empresas da UDC Rafael García Rodríguez. O comité de honra do congreso está presidido pola Súa Maxestade El Rey Felipe VI.

Esta edición do congreso centra o debate arredor dun dos principais retos que teñen as empresas hoxe en día, un escenario social caracterizado pola elevada conectividade entre individuos no que se xeran e intercambian ideas e xorden oportunidades de negocio. As empresas están abocadas a unha constante adaptación que pasa necesariamente por estar preparadas para o cambio. Estratexias que tradicionalmente garantizaban o éxito están perdendo validez e espérase que os directivos de empresa sexan creativos e aposten por fórmulas innovadoras na xestión empresarial. Enténdese así que conceptos como innovación aberta, intelixencia colectiva, intermediarios para a innovación, crowdfunding ou crowdsourcing sexan cada vez máis habituais.

Ademais das conferencias plenarias con persoas relevantes no sector chegadas de universidades de todo o mundo, como Minnesota, París, Porto, Venecia, Toronto, Texas, Santiago e A Coruña, o programa inclúe unha conferencia plenaria a cargo de Antonio Abril Abadín, martes 18, ás 12:45h., sobre “A necesaria excelencia da universidade nun mundo global e tecnolóxico”. Abril Abadín é presidente do Consello Social da UDC, presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas, secretario xeral e do Consello de Administración e Director de Cumprimento Normativo de Inditex. Licenciado en Dereito, preside a Comisión Universidade-Empresa da Cámara de Comercio de España e é membro do Patronato da Fundación Conocimiento y Desarrollo (CyD).

Tamén o martes 18, ás 16:30 horas, o salón de actos da Facultade de Economía e Empresa acollerá unha mesa de debate empresarial coa participación de Ignacio Rivera, CEO de Hijos de Riversa S.A.; Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa; Carlos Martínez, CEO SanBrandán; e José Luis Calvo Pumpido, presidente de Honra do Grupo Calvo S.A.

Máis información: https://www.congresoacede.org/es/

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC