Arquitectura acolle a presentación da revista especializada Archives, dedicada ao arquitecto, docente da UDC e Premio Nacional, Manuel Gallego

Press release
1/14/20 2:26 PM
  • Institutional

A Coruña, 14 de xaneiro de 2020.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña acolle mañá, mércores, 15 de xaneiro, ás 20:00 horas a presentación da revista especializada Archives, nunha edición dedicada ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, premio Nacional de Arquitectura en dúas ocasións e docente deste centro. Na presentación estarán o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o director da Escola, Plácido Lizancos, e a alcadesa da Coruña, Inés Rey, así como os editores da revista, Carlos Quintáns e Juan Rodríguez.

A revista semestral Archives nace da man dos editores Carlos Quintáns e Juan Rodríguez para difundir desde Galicia unha oferta cunha nova perspectiva no mundo editorial da arquitectura. Tanto Quintáns como Rodríguez foron alumnos da Escola de Arquitectura da Coruña e Manuel Gallego foi profesor de ambos os dous, así como mestre e referente dunha xeración de arquitectos galegos.

Archives é un conxunto de monografías de arquitectos que teñen obra construída, que pode visitarse e fotografarse para ofrecer unha mirada real da súa arquitectura. A revista, que con éste chega ao seu número 5, consolidouse como unha das grandes publicacións internacionais de arquitectura. O primeiro número da revista dedicouse a Flores e Prats e o que se presenta mañá está dedicado a Manuel Gallego, arquitecto que recibiu excepcionalmente dous premios nacionais de arquitectura. Catedrático da UDC, onde non só foi pedra fundamental da docencia na escola de arquitectura, tamén construíu un dos seus edificios e gañou (aínda que non construído) o concurso para o Castro de Elviña no concurso internacional máis importante realizado en Galicia. Este Archives de Manuel Gallego recolle un importante número de obras realizadas e textos que permiten entender a súa liña de pensamento, segundo explican os editores.

Manuel Gallego ten unha forte implicación coa arquitectura desde que comezou a súa vida profesional no estudo de Alejandro da Sota, despois de completar a súa formación en Noruega, onde traballou con Erling Viksjø. Coa súa volta a Galicia xa desenvolve unha obra propia, coa que recibe un bo número de distincións entre as que convén destacar en 1996 a Medalla Castelao, da Xunta de Galicia. En 1997 o Pedrón de Ouro, o Premio de Critíca para as Artes e as Ciencias. En 2008 o Premio Nacional aultura Galega. En 2010 o Premio Celanova da Casa dos Poetas. En 2011 a Medalla de Ouro da Arquitectura. CSCAE. Madrid. No ano 2013 o Premio na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo. Pero convén destacar unha situación case única en España e é que en 1997 recibe o Premio Nacional de Arquitectura do Consello Superior de Arquitectos de España polo Museo de Belas Artes de Coruña e no ano 2018 o premio Nacional polo conxunto da súa obra (tan só Rafael Moneo conseguiu esta dobre distinción)

A implicación de Gallego non se limita ao mundo da arquitectura, tamén foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, así como membro do Seminario de Estudos Galegos (1980) e da Fundación Luís Seoane (1996).

A importancia de Manuel Gallego, conclúen os editores, está na súa obra máis que nos seus recoñecementos; son moitas as obras que seguro que axudan a traballar ao resto dos arquitectos que teñan que enfrontarse á tarefa de construír nas cidades ou no campo, aos que teñen que facelo nunha contorna cargada de historia ou os que deban facelo en espazos sen referencias claras do pasado, en territorios fortemente caracterizados ou noutros que necesitan definir esas caracterizacións.

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC