A Universidade da Coruña recibe aos bolseiros da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas da Universidade de Daca

Press release
6/14/19 1:29 PM
  • Institutional

A Coruña, 14 de xuño de 2019.- A Universidade da Coruña acolle aos estudantes becados pola Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas da Universidade de Daca (Bangladés), institución que desenvolve a súa actividade en colaboración coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela.

A Reitoría recibiu aos alumnos bengalíes nun acto en que, ademais do reitor, Julio Abalde, estiveron presentes, entre outros, o presidente do Consello Social da UDC e secretario xeral e do Consello de Inditex, Antonio Abril; a directora da Cátedra, María José Martínez; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da UDC, Pilar García; e Santiago Fernández, subdirector da Cátedra, en representación da Universidade de Santiago de Compostela.

As estudantes Maleeha Hafiz, de Lingüística; Shanaj Parvin Jonaki, de Educación; e os seus compañeiros, Abdullah Al Saki, de Económicas; e S.M. Bayjid Bostami, de Humanidades, realizarán este mes unha estadía nas universidades da Coruña e de Santiago,  cunha bolsa da Cátedra. Así mesmo, o profesor en formación Mizra Wasfi Jabber, antigo alumno da Cátedra, foi becado para participar durante o mes de xuño nun programa avanzado de lingua e cultura españolas na Universidade de Oviedo.

A canción de Ricky Martin “Un pasito pa’lante María” foi a que espertou en Adbullah Al Saki o interese polo español, segundo explicou no acto de recepción. “Despois, en 2010 escoitei a canción de David Bisbal do Mundial ‘Seremos grandes, seremos fuertes…’ [Waving’ flag] e a memoricei sen entendela. Levo anos querendo aprender español pero non sabía onde ata que descubrín a Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas”, declarou Al Saki quen agradeceu a Inditex a oportunidade de poder aprender “este bonito idioma”. Maleeha Hafiz tamén tivo palabras de agradecemento para a empresa. “Somos afortunados por ter esta Cátedra porque antes non tiñamos a posibilidade de aprender español alí”, manifestou, engadindo que Galicia “é unha terra encantadora e recibiunos moi ben”. Bostami contou que leva catro anos aprendendo español nesta Cátedra que “abriu unha porta para coñecer a lingua e a cultura españolas en Daca”. Como estudante de Humanidades, “esta viaxe a Galicia é unha experiencia fantástica e unha oportunidade para coñecer directamente outras culturas e relixións diferentes”, declarou e confesou que a súa maior sorpresa foi “descubrir a catedral de Santiago e o seu botafumeiro”.

Finalmente, Parvin pechou as intervencións dos estudantes cun alegato da cultura hispánica. “Sempre fun fan da vosa cultura; gústanme os libros de García Márquez, os poemas de Neruda, as películas de Buñuel e Almodóvar e a pintura de Picasso e Dalí”, revelou. “Vir a España é como vir ao meu dreamland”, dixo.

Pola súa parte, o reitor felicitou aos estudantes polo seu excelente nivel lingüístico e cultural, aos que nomeou “embaixadores de España”, e agradeceu á empresa Inditex, representada por Antonio Abril, a súa “visión” hai dez anos ao poñer en marcha esta Cátedra “exemplo de colaboración público-privada que é un dos obxectivos desta universidade”. Abalde recoñeceu o traballo da dirección da Cátedra así como o da Universidade de Santiago de Compostela no desempeño da mesma.

Para o presidente do Consello Social da UDC e secretario xeral e do Consello de Inditex, o estudante é “a razón que motiva a existencia deste proxecto” e neste sentido, Abril trasladou aos alumnos bengalíes a súa noraboa polo alto nivel de coñecemento do idioma e da cultura españolas. A Cátedra, definiu, “é un proxecto fantástico e moi gratificante no persoal e profesional”. “É un fito importante na colaboración das iniciativas público-privadas”, continuou.

A directora da Cátedra explicou que os estudantes se gañaron estas bolsas para coñecer o país que estudan “polo seu excelente nivel académico” e destacou a importante evolución da Cátedra ao longo desta década de traballo.

 

Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas

A Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas é o resultado do convenio asinado entre Inditex, no marco da súa Política de Sustentabilidade, coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e a Universidade de Daca, en Bangladés. Esta Cátedra ten como obxectivo a promoción da lingua e a cultura españolas en Bangladés a través de diversas actividades académicas e de difusión cultural, entre as que destacan os cursos de lingua e cultura españolas, o programa de bolsas de mobilidade de estudantes e a organización de eventos artísticos de especial relevancia.

A Cátedra ten a súa sede no Instituto de Linguas Modernas da Universidade de Daca, construído polo grupo empresarial Inditex, onde se desenvolven as actividades docentes e culturais desde o inicio da Cátedra en 2011. A profesora da UDC María José Martínez dirixe a Cátedra desde o ano 2017. Con anterioridade foron directores os profesores Santiago Fernández, da USC; Mauro Fernández, da UDC; e Guillermo Rojo, da USC, quen iniciou a súa andadura.

Desde a súa inauguración, máis de 3.000 estudantes da Universidade de Daca participaron en cursos anuais de lingua e cultura españolas. Nas instalacións da Cátedra organízanse ademais actividades culturais como ciclos de cine, conferencias, concertos, etc. A Cátedra participa tamén noutras actividades culturais e exposicións de arte en colaboración con outras institucións como a Embaixada de España en Daca, a Bengal Art Foundation, a Samdai Foundation e outras entidades locais, europeas e internacionais.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC