A Escola Politécnica Superior de Ferrol homenaxea á precursora do libro electrónico, a galega Ángela Ruíz Robles

Press release
5/15/19 2:53 PM
  • Institutional

Ferrol, 15 de maio de 2019.- A Biblioteca da Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol levará dende mañá, xoves 16 de maio, o nome da precursora do libro electrónico, a escritora e inventora galega Ángela Ruíz Robles. Participarán no descubrimento da placa, previsto para as 13:15 horas, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; o director da escola, Armando Yáñez Casal; a bibliotecaria do centro, Beatriz Regueira Guntín; e tres das netas da homenaxeada, Elvira, Carmen e Marisa Souto Grandel.

Ángela Ruíz Robles (Villamarín, León, 1895 – Ferrol, 1975) estudou maxisterio e deu clases en distintos centros de León e Ferrol. Xa asentada na cidade departamental, deseñou un atlas científico-gramatical, unha máquina taquimecanográfica e, finalmente, en 1949, unha  enciclopedia mecánica. Construído no Parque da Artillería de Ferrol, este libro mecánico constaba de dúas partes ben diferenciadas. A primeira, centrada en dotar ao alumnado de coñecementos básicos no eido da lectura, escritura, numeración e cálculo, funcionaba facendo presión en distintos abecedarios e números que conformaban sílabas, palabras e leccións. A segunda facíao a través de bobinas, cada unha delas centrada nunha materia. O libro ou enciclopedia, con versións en varios idiomas, incluía luz e son. Ruíz Robles non conseguiu a financiación necesaria para poder fabricalo a grande escala. O prototipo pódese visitar no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña.

 

A iniciativa enmárcase dentro do programa de actos deseñado pola Rede de Docencia e Investigación con Perspectiva de Xénero e a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña para conmemorar o Día Internacional da Muller. De feito, hai dous meses, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía dedicáballe unha aula do centro á precursora da enfermaría profesional moderna e creadora do primeiro modelo conceptual desta especialidade, a inglesa Florence Nightingale.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC