A Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC captou preto de 11 millóns de euros en tres anos para desenvolver case 200 proxectos de investigación

Press release
7/19/19 1:37 PM
  • Institutional

A Coruña, 19 de xullo de 2019.- O coordinador da Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Jaime Rodríguez, director do CICA, presentou esta mañá os resultados desta agrupación do período 2015/2018 nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, coa asistencia do secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro, e do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

Ante un salón de actos do CICA abarrotado de investigadores, Rodríguez resumiu algúns dos datos máis relevantes dos resultados da investigación realizada conxuntamente polos científicos da UDC e os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e da Área de Atención Primaria da Coruña implicados nesta agrupación. En total, traballan 426 investigadores distribuidos en 24 grupos e catro áreas: medioambiente, biotecnoloxía, novos materiais e biomedicina. Durante o período 2015/2018, estes investigadores captaron preto de 11 millóns de euros de financiamento para desenvolver 182 proxectos, dos que 1,3 millóns foron para realizar 32 proxectos internacionais. Ademais, asináronse 183 contratos e convenios de investigación por un importe de 3,7 millóns de euros máis.

A actividade investigadora destes grupos, dos que o 54% están coordinados por mulleres, xerou un total de 994 publicacións científicas (unha alta porcentaxe delas en revistas científicas do maior impacto), e 20 patentes, léronse 162 teses de doutoramento e creáronse cinco spin off.

O reitor agradeceu no acto de apertura desta xornada de presentación de resultados a presenza da conselleira na Universidade da Coruña e destacou o traballo que se está a realizar neste centro de investigación, así como os bos resultados da colaboración cos profesionais do CHUAC e da Área de Atención Primaria da Coruña.

Pola súa banda, a conselleira sinalou a relación directa entre as estruturas de investigación de referencia e o avance científico da sociedade na que se insiren que representa a madurez do sistema de investigación universitario galego.

 

Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC

O Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, é un centro de investigación interdisciplinar da Universidade da Coruña destinado á biomedicina, a biotecnoloxía,o medio ambiente e os novos materiais, que busca fomentar e potenciar a colaboración entre estas áreas para conseguir a excelencia científica.

O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña está composto polos grupos de investigación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, CHUAC, a Universidade da Coruña e a Área de Atención Primaria da Coruña, coa finalidade de crear un marco de colaboración estable, que integre a investigación básica e clínica desenvolvida, posibilitando unha transferencia á sociedade máis eficaz dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades.

A Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC, que conta cun millón de euros de financiamento da Xunta de Galicia para a súa creación e estruturación no período 2015/2020, é unha das sete agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario Galego. Constituiuse en 2015 para lograr unha sinerxía entre os seus grupos de investigación que lidere proxectos de investigación colaborativos máis competitivos.

 

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC