Acceso aberto

Que é acceso aberto?

O acceso aberto implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en internet. Os usuarios non só poden consultalos gratis senón que, ademais, poden descargalos, copialos, imprimilos, distribuílos ou citalos. O acceso aberto facilita unha maior accesibilidade para os documentos e unha maior visibilidade para os autores.

As políticas de acceso aberto van desde amplas declaracións de apoio e promoción -declaracións internacionais- a mandatos máis prescritivos dos organismos que financian a investigación, mesmo en forma de leis, así como políticas institucionais que declaran o seu apoio ao acceso aberto como principio e animan aos académicos a publicar desta forma.

Publicar en acceso aberto

Vía verde: publicación en repositorios institucionais (almacenan, preservan e difunden a produción científica dos membros dunha institución), temáticos (almacenan, preservan e difunden contidos dunha disciplina) ou orfos (arquivan os traballos de autores que non teñen acceso a outro repositorio).

A Universidade da Coruña ten ou seu propio repositorio institucional (RUC) para a difusión das publicacións científicas e académicas dos membros da UDC.

Vía dourada: publicación en revistas ou editoriais de acceso aberto. Para coñecer estas revistas e revisar as súas políticas de publicación pódese consultar:

DOAJ (Directory of Open Access Journals)

E-revistas ou Redalyc: para as revistas do ámbito hispano

As dúas vías son complementarias.

Acceso aberto e dereitos de autor

Cando o autor vai publicar un artigo nunha revista científica debe revisar e coñecer as cláusulas do contrato de dereitos de autor:

Recomendacións OpenAire

Titorial: Controla os teus dereitos, facilita o acceso aberto

A maioría dos editores permite o autoarquivo en repositorios con posibles limitacións. Existen portais que nos informan das políticas de dereitos de autor dos principais editores:

SHERPA ROMEO: políticas de copyright das editoriais e autoarquivo

DULCINEA: dereitos de copyright e as condicións de autoarquivo de revistas científicas españolas

No acceso aberto o autor mantén os seus dereitos e a difusión non é exclusiva. A obra está protexida pola lexislación en materia de dereitos de autor e as licenzas Creative Commons recollen os usos que permite o autor sobre a súa obra a outros usuarios.

Listaxe de repositorios de documentos en acceso aberto