Enerxía

Diagnose Enerxética da UDC 

Ao longo do ano 2010, a UDC contou coa colaboración da Agència d’Ecología Urbana de Barcelona para a elaboración dunha diagnose enerxética da Universidade, que nos permitira un maior coñecemento da situación actual e da necesidade e o potencial de adoptar medidas de aforro e de promoción de fontes de enerxía alternativas.

Os resultados do traballo preséntanse nesta Diagnose Enerxética dos Campus Elviña e A Zapateira, e inclúen a análise dos datos de consumo de distintos tipos de enerxía por edificio e no espazo público, e descríbense algunhas das actuacións recomendadas.

Diagnose Enerxética dos Campus Elviña e A Zapateira

Plano enerxético

A UDC estableceu no ano 2009 por vez primeira unha partida dentro do capítulo VI destinada exclusivamente a mellorar as condicións de eficiencia enerxética nas instalacións e nas edificacións.
A actuación máis relevante neste eido no ano 2009 é a licitación da nova sala de caldeiras da Zapateira que servirá con mellor rendemento á Escola Técnica Superior de Arquitectura, á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e á Facultade de Ciencias e que será extensible tanto para a ampliación destes edificios como para o edificio de Departamentos de Arquitectura.
O Servizo de Arquitectura e Urbanismo da UDC completou cunha serie de medidas esta actuación. En case todos os casos solicitouse e obtívose a participación no financiamento do Instituto de Enerxía de Galiza (INEGA).

Aforro e eficiencia no uso da enerxía

A UDC comezou en 2006 un traballo decidido no eido da enerxía, cos primeiros estudos e actuacións a favor do aforro e a eficiencia enerxética, así como na substitución das enerxías convencionais por enerxías renovábeis e máis limpas. Desde aquela o criterio ambiental ten enorme importancia nas decisións técnicas tentando de reducir gastos enerxéticos nas solucións tomadas.

No ano 2007 realizáronse algunhas actuacións con moi bos resultados como:

  1. a substitución de lámpadas convencionais por outras de baixo consumo na iluminación interior dalgunhas aulas;
  2. un sistema de ventilación híbrida na Escola Técnica Superior de Arquitectura, cun moi baixo custo enerxético fronte a sistemas convencionais como aire acondicionado, ou
  3. a sectorización de instalación de calefacción en edificios, evitando ter que abrir as fiestras ao tempo que funciona a calefacción.

En 2008 acometéronse actuacións de rehabilitación ambiental mediante climatización natural e sistemas solares para a produción de auga quente, e entraron en funcionamento as primeiras instalacións fotovoltaicas da UDC. Outras medidas foron a sectorización da instalación de calefacción na Facultade de Informática, e o cambio de lámpadas na iluminación exterior por outras de baixo consumo.

A incidencia destas actuacións valorouse nunha mitigación do 2% das emisións de gases con efecto invernadoiro en 2008 e do 5% en 2009 (previsto). Tamén en 2008 a UDC asinou a adhesión á “Rede de enerxía sostible da Coruña”, para a cal adquiriu un novo compromiso co fin de paliar as consecuencias do cambio climático. Nos documentos anexos descríbense en maior detalle algunhas das actuacións da UDC no eido da enerxía.

Válvulas termostáticas

As válvulas termostáticas e os termóstatos empréganse para controlar a emisión de calor ou de frío nos sistemas de calefacción e acondicionamento, e permiten seleccionar unha posición para manter de forma automática a temperatura desexada no local de que se trate. A UDC está a colocar progresivamente este tipo de elementos nos seus centros, sempre que as infraestruturas existentes o fagan recomendábel. A comezos de 2009 colocáronse máis de 200 válvulas termostáticas.

Un maior confort e a redución do consumo innecesario son os obxectivos destas actuacións. Cada grao que se reduce a calefacción permite un aforro do 7% no consumo enerxético.

Máis información: Válvulas termostáticas. Que son e o porqué da súa correcta utilización.

Difusión

A UDC trata de dar publicidade ás medidas e actuacións en materia de enerxía, co obxectivo de informar e sensibilizar á sociedade na adopción de criterios de aforro e eficiencia enerxética, enerxías renovábeis e sostibilidade en xeral.

En abril de 2009, alumnos e alumnas do CIFP de Someso, pertencentes aos Ciclos formativos relacionados con Edificación e Obra Civil, visitaron dúas instalacións de enerxías renovábeis
(imaxes):

  • A instalación solar fotovoltaica de 9 kW de campo solar e 7,5 kW nominais no CITIC, en Elviña
  • A instalación solar térmica na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (antigo INEF), en Bastiagueiro, e que achega enerxía para auga quente sanitaria e piscina.

En xuño, a UDC participou no II Encontro da Rede de Enerxía Sostible da Coruña onde se presentaron as liñas de actuación e enerxía, e os resultados acadados, diante dun cento de persoas de distintas entidades con actuacións avanzadas en enerxía, e outras persoas convidadas (Encontro).

Algunhas das actuacións pioneiras da UDC no eido da enerxía foron publicadas na Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente (Cerna):